Francisco López herdou o negocio do seu pai (El Cubano) en 2003, cando tiña 30 anos. Decidiu continuar con ese oficio e nel segue no recanto da rúa Alegre coa praza de Canido. “Creo que hai xente que pensa que hai determinados negocios –estou pensando nun bar– son doados de levar, e non é así”, comeza para remarcar que “é como se as malas experiencias se contaxiaran: se “mengano” montou algo e non lle foi ben, para que me vou meter eu?”, comenta.
Asegura, ademais, que as boas perspectivas no sector naval poderían ter un impacto no emprendemento. “Pode que ao abrirse de novo as portas do estaleiro moita xente marche ou desista de facerse autónomo”, apunta. López bota de menos certo dinamismo. Non no seu caso, como membro dunha entidade como Hoscompro, pero si hai “colegas” aos que lles custa implicarse.
Mais, por riba de todo, o que estraña é “máis información, máis coñecemento”. “Penso que son unha persoa que está bastante ao día, pero hai departamentos e organismos na Xunta que non sabía que existían”, subliña, polo que pide “máis difusión nas iniciativas, axudas e programas, para que esa posibilidade de solicitalas ou beneficiarse chegue a todo o mundo”. A simplificación na tramitación é outra das demandas. “Na pandemia coido que funcionou ben, pero soe ser farragosa”, afirma Francisco López.