A primeira das cinco xornadas que a sociedade cultural Medulio e mais a asociación Ferrolterra Antiga dedicarán á figura do historiador ferrolán Benito Vicetto no bicentenario do seu nacemento reunirá esta tarde, ás 19.30 horas no antigo Hospicio, a Alexandre Peres, Antonio Casal e Francisco Rodríguez. Todos eles abordarán a visión do autor da primeira “Historia de Galicia” sobre a Idade Antiga e Media.
Esta primeira parte das xornadas céntrase na faceta de historiador de Vicetto. Cales son as súas principais contribucións neste eido?
Foi unha “Historia de Galicia”, sete tomos, editada entre 1865 e 1873 pola imprenta Taxonera de Ferrol. Por primeira vez, alguén acometeu o obxectivo de historiar Galiza desde a Idade Antiga á coetánea do autor, dunha forma cronolóxica sucesiva, enfiada no tempo e na causalidade evolutiva, liberada da servidume relixiosa eclesiástica, dos milagres, da confesionalidade dogmática. Malia Vicetto insistir en se limitar a unha historia narrativa, tarefa entón sen acometer, a verdade é que é tamén analítica e filosófica, para ben e para mal. Provocou irritación nos medios eclesiásticos máis conservadores e na prensa madrileña desta tendencia, precisamente polas análises vertidas a propósito da visión do arrianismo e do catolicismo, no contexto do reino suevo, verbo da natureza de Cristo, que el aproveitou para expor a súa tese da identificación de Deus co Tempo como eternidade. Foi condenada e prohibida polo bispo de Mondoñedo e o cardeal de Santiago, primeiro, e a seguir pola propia autoridade gobernativa, que impediu que continuase a súa publicación a fins de 1867. A revolución de setembro de 1868, coa súa defensa do libre pensamento, anulou a prohibición, permitindo así a aparición dos seguintes tomos.
Por que cre que a súa obra foi menospreciada por parte dalgúns historiadores?
Hai reaccións negativa e positiva, no momento da súa aparición, segundo os distintos sectores ideolóxico-políticos da sociedade. Entón foi obra con bastante difusión na Galiza e na emigración galega. Non foi do agrado do mundo académico español porque desvendaba a eliminación e ocultación do reino de Galiza na Idade Media. Por iso preferiu a descualificación marxinal e o silencio. O menosprezo máis agresivo e inxustificado é o que se practica hoxe no mundo académico galego, na Universidade Galega, de tal forma que Vicetto, se non é ignorado, é ridiculizado. O pecado: ser imaxinativo, fantástico, falto de rigor, polas páxinas referidas á Idade Antiga, á protohistoria. Porén, a maior parte da súa Historia é a medieval, enchida de información tirada de fontes primarias, de documentos da época, analiticamente fundada e razoada, que pon ao descuberto o papel nuclear do reino de Galiza.
É inevitable a comparación con Murguía. Quen dos dous resistiu mellor o paso do tempo e os avances na investigación histórica?
En aparencia resiste mellor Murguía porque é máis ponderado, máis equilibrado, cun estilo máis homoxéneo, con menos opinións extemporáneas intercaladas. Porén, desde o punto de vista informativo, polo valor de moitas análises, a obra de Vicetto é comparábel en importancia, coa vantaxe de ser obra completa, non inacabada como a de Murguía. A ambos hai que recorrer aínda hoxe cando se acomete o labor de realizar unha historia do noso país con fundamento, tomándoo como entidade histórica independente, non como un apéndice sen perfil propio dentro de España.
De que maneira pode Ferrol dignificar a súa figura?
Apoiando a rehabilitación da súa figura e a súa obra. En Ferrol Vicetto tivo recoñecemento intelectual e social en vida e na posteridade até os anos oitenta do século pasado. Ten unha rúa en Ferrol Vello, onde naceu, un busto no parque; está soterrado en Catabois por traslado do cadáver após a clausura do cemiterio de Canido. Todo en mal estado, sen coidado, como vestixio dun pasado sen importancia. Como é posíbel que a Biblioteca Municipal non teña exemplares de toda a súa obra, cando foi unha icona social na súa época? Douscentos anos do seu nacemento é momento propicio para rehabilitalo.
A de hoxe será a primeira das xornadas dedicadas a analizar a obra e mais o legado de Benito Vicetto, mais haberá outras catro máis repartidas entre este mes, abril e maio, todas á mesma hora e no mesmo lugar. A seguinte será o vindeiro martes, día 12, e nela tratarase a súa visión da Historia Moderna e Contemporánea, coa intervención de Manuela Santalla e Rubén Labisbal. Xa o 9 de abril Esperanza Piñeiro, Juan Renales e Xosé Fandiño falarán sobre o contexto histórico-social en que viviu e o 23 do mesmo mes Germán Casto e mais Guillermo Llorca abordarán a súa actividade como xornalista e activista social.
As xornadas rematarán en maio, o día 7, cunha sesión sobre a obra literaria na que intervirán Pilar García Negro, Elia Rico Lagarón, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Rei.