A Fuerza de Protección da Armada (Fupro) desenvolverá a vindeira semana o exercicio “Cancerbero 02-22”, un adestramento específico de seguridade física para mellorar a capacidade das unidades neste aspecto e comprobar os plans de protección de buques e instalacións navais. Levarase a cabo entre os días 22 e 24 en Ferrol e en Madrid. Participan, segundo informa Defensa, uns 2.500 efectivos encadrados en vinte unidades. Poderanse xerar pequenas retencións de peatóns ou de vehículos nos accesos ás instalacións da Armada durante o transcurso do exercicio.
Esta operación será dirixida desde Ferrol, onde se atopa o cuartel xeral da Fupro, e consistirá na proposición de diferentes incidencias que afectarán á seguridade física e fronte ás que haberá que responder e que servirán para comprobar os plans de continxencia. Isto inclúe solucionar os incidentes máis comúns que se dan nas instalacións da Armada pero tamén outros máis demandantes desde o punto de vista da xestión e que responden a situacións de seguridade máis complexas, nas que se inclúen novas ameazas coma as aeronaves pilotadas remotamente (drons).
A Fupro é un dos tres compoñentes da Fuerza de Infantería de Marina e ten como misión garantizar a seguridade e protección do conxunto de bases, instalacións, centros, organismos e persoas da Armada. Ademais do traballo en terra, despregan equipos de seguridade nos buques.