Guadi Galego e París de Noia actuarán nestas festas de Cedeira

A celebración da patroa da vila chega cun amplo programa musical e de actividades para todos os públicos, que van da vangarda á tradición
Guadi Galego e París de Noia actuarán nestas festas de Cedeira
A cedeiresa, que actuou en xaneiro no Jofre, non poderá deixar de lado o tema que ten dedicado á súa vila | JORGE MEIS

Unha das festas patronais máis significativas da comarca, debido á amplitude e diversidade de propostas, que se van actualizando sen esquecer as tradicións, son as de Cedeira. Este ano, as citas desenvolveranse dende o 10 ao 17 de agosto, con algunhas máis sinaladas como o Entroido de Verán, que dará a benvida á celebración, e a romaría da Xira, que nesta edición pecha cunha verbena.


Os sete días que abarca a programación do Concello de Cedeira dan tempo suficiente para ofrecer espectáculos de rúa, concertos e a popular procesión marítima, entre outras convocatorias. A primeira terá lugar a partir das 20.00 horas do sábado 10, na Praza do Concello, onde o Club de Remo de Cedeira, acompañado da AC Buxainas, procederá á lectura do pregón.


Esta inauguración constituirá o aviso de que ás 22.30 comeza, na Praza Roxa, a celebración do Entroido de Verán, que inclúe Festa da Escuma e estará ambientado coas melodías da Disco Móvil CDC. O domingo 11, á mesma hora e no mesmo emprazamento, o Grupo Claxxon realizará un percorrido musical en directo polo pop-rock dende os anos 70 até a actualidade.


A compañía Collectif Primavez abrirá a xornada do luns 12, ás 20.00 horas na Praza Floreal, co seu espectáculo “Laisse moi”, que fusiona danza con acrobacias nun mastro chinés. De novo ás 22.30 na Praza Roxa, os protagonistas serán Black Bigstage, un grupo que versiona a grandes voces negras como Aretha Franklin, Otis Redding ou Steve Wonder.


Proyecto Tránsito levará ao público de volta á Praza Floreal, o martes 13 ás 20.00 horas, coa atracción do seu espectáculo de circo e danza, “361º”. Despois, ás 23.00, actuará a orquestra París de Noia, nesta ocasión no escenario da Praza Revolta. O público familiar volverá contar con outra función, o mércores 14 ás 20.00 horas, esta vez de teatro actoral e monicreques, na Praza Floreal. Tratarase do espectáculo “De Vilatriste a Vilalegre”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Teatro ao Cubo, que virá da man do grupo A Utópica Rodante.


Los Satélites e Origen serán os encargados de pechar esta xornada, a ritmo de verbena, a partir das 22.30 horas na Praza Roxa. O día da patroa, o xoves 15, a actividade comezará xa ás 12.00, cunha misa cantada pola Coral Eixil. A banda de música Vila de Cedeira dará un concerto á 13.30 horas na Praza Roxa, e dende as 22.30 será a quenda de Grupo Bomba e a orquestra Finisterre, que actuarán nunha sesión que incluirá fogos artificiais ás 00.00.


O venres 16, celebrarase a procesión marítima tras a misa das 11.00 horas, que contará de novo coa amenización do grupo Vila de Cedeira. Ás 22.30 horas, servirase un dos platos fortes coa actuación da cedeiresa Guadi Galego, que vén de gañar este ano outro dos Premios Martín Códax da Música á Mellor Canción de Autora. Esta artista, unha das máis relevantes da escena actual galega, compartirá escenario con Banda Xangai, un colectivo integrado por nomes imprescindibles do movemento de rock bravú.

 

As festas de Cedeira despediranse, como é habitual, coa tradicional Xira en San Antón de Corveiro, a romaría que reúne a un gran número de veciños entorno á capela e que adoita rematar cunha proposta musical, de volta na Praza Roxa. Este ano, a encargada das últimas notas, ás 22.30 horas, será a orquestra La Ocaband

Guadi Galego e París de Noia actuarán nestas festas de Cedeira

Te puede interesar