A terceira actividade do convenio entre a Concellería de Cultura de Ferrol e a Facultade de Humanidades do Campus Industrial celébrase hoxe ás 19.00 horas na Biblioteca Central de Ferrol, na praza de España, e tratará sobre novelistas locais actuais, un tema que terá continuidade con outro acto nas vindeiras semanas.
Neste caso serán os escritores Guillermo Llorca, Eduardo Fra e Fernando Álvarez Bouza os que protagonicen esta terceira entrega da iniciativa conxunta de divulgación cultural artellada polo Concello e a Facultade de Humanidades.
As dúas actividades anteriores do programa abordaron a obra e a figura de Torrente Ballester, no mes de novembro, e xa en xaneiro deste ano a relación entre o escritor de Serantes e o tamén ferrolán Ricardo Carvalho Calero. A seguinte cita prevista será en marzo e tratará sobre a poesía galega actual, desta volta no salón de graos da Facultade anfitrioa.