Ás 19.00 horas preséntase no local social da AVV de Covas –e o xoves, tamén en Exponav– o último volume –noveno xa– da serie sobre memoria histórica de barrios e parroquias que comezou en 2015. Trátase do que reúne un conxunto de artigos centrados na anfitrioa e tamén en San Xurxo e Esmelle, coordinado novamente por Guillermo Llorca.
Que aborda este noveno libro?
Mantén unha liña de continuidade cos anteriores. Como coordinador, o que trato é de proporcionarlle a maior amplitude posible, contando tamén co feito de que Embora está disposta –e témosllo que agradecer– a editar uns volumes tan grosos, neste caso de 455 páxinas. O que sempre tratei, desde o comezo en 2015, é de darlle unha visión moi plural, abordar moitos aspectos, algúns deles pouco estudados ou xa tratados noutras publicacións, pero sempre intentando dar unha visión global, sen que iso signifique que está completo porque a Historia nunca o está.
Os veciños e veciñas de Covas, Esmelle e San Xurxo ou quen teña vínculos ou apego por esas parroquias, que van atopar neste volume?
Hai traballos anteriores, e estou pensando en todo o que leva aportado a revista Columba, pero hai outros aspectos novidosos, como o traballo de Marta Corral sobre os nomes singulares das casas de Covas, o de Ánxela Lou-reiro sobre as leiteiras, o de Aurora Vázquez sobre os cines ou o de Xan Silvar arredor das xuntas comunais, que son tan historia como a historia dos grandes persoeiros ou efemérides. Historia que está aí e que está pouco estudada. No meu caso tratei de recompilar dez autores que escolleron Covas como territorio literario, algo que me pareceu moi curioso.
Dáse un exceso de enfoque na parte urbana da Ferrol e descóidase, a nivel historiográfico, a zona rural?
Tiña claro desde o ano 2015, cando comecei neste proxecto con Juan Burgoa, que Ferrol non era só o casco urbano. De feito, houbo xa un volume dedicado á Graña, á Cabana, a San Felipe, a Serantes, a Ferrol fóra de portas e agora este... Trátase de profundizar o máis posible en cada tema, pero non limitarnos á visión tan urbanita. Hai outro Ferrol que tamén existe, como tamén hai historia que non está nos libros e que nos fala da xente do común, dos “marxinados” da historia que tamén merecen o seu espazo.
O proxecto camiña xa cara aos dez anos. Botando a vista atrás, que valoración fai de toda esta achega á historia local?
O primeiro que hai que ter en conta é que este é un traballo colectivo que comezamos Juan Burgoa e mais eu. Ao longo destes nove libros hai 173 colaboracións e levamos publicadas máis de 3.500 páxinas. De feito, na historiografía galega non hai un caso igual, en que se teña profundizado desa maneira con enfoques multidisciplinares sobre a cidade e a súa contorna.
Cal será o seguinte?
Gustaríame rematar con Doniños porque sería completar todo o litoral e, unha vez que tamén estudamos o Ferrol entre o mar e as murallas, o de “dentro”, concluír con esta parroquia sería unha satisfacción. Porque debo dicir que varios destes libros, que son voluminosos, están esgotados na súa primeira edición (en concreto tres) e que algúns coñeceron a segunda edición, o que demostra que a xente de Ferrol está interesada na súa historia.
E está interesada tamén por ter un museo da cidade?
Por primeira vez empezo a ser optimista, a ter unha pequena esperanza. Creo que o concelleiro de Cultura e o propio alcalde están polo labor e coido que no 2025 poderemos velo convertido xa nunha institución do Concello e que comece a andar, o cal é facer realidade unha vella aspiración pola que eu e outra xente antes ca min estiveron loitando.