A homenaxe ao Teatro Estudio desempoa “As muletas”, un filme inédito de 1968

O Ateneo acolle do 9 ao 13 as xornadas que coordina Francisco Oti
A homenaxe ao Teatro Estudio desempoa “As muletas”, un filme inédito de 1968
Montero Dongil, Ponte Far, Oti e García Novás, onte no Ateneo I D. Alexandre

A homenaxe á experiencia irrepetible do Teatro Estudio de Ferrol, o grupo do instituto Concepción Arenal que foi vangarda das artes escénicas na década dos 60 nomeadamente, rematará o día 13 cunha estrea absoluta, a proxección da película “As muletas”, un filme de 1968 que, segundo adiantou o impulsor das xornadas, Francisco Oti, “estamos rematando de recuperar”. A mediametraxe, escrita e dirixida por Eduardo Alonso –alma máter da compañía Teatro do Noroeste e custodio da cinta todos estes anos–, está protagonizada por Joaquín Lens e nela, avanzou o autor cabanés, aparecen “moitas das persoas que participaron naquela iniciativa”. 


O pase será o punto final dun programa que acolle o Ateneo Ferrolán do martes 9 ao sábado 13. A homenaxe está organizada pola asociación que preside Xabier Montero Dongil, o Club de Prensa de Ferrol e Fuco Buxán, coa colaboración do Concello, e quere lembrar as persoas que fixeron posible o Teatro Estudio de Ferrol, unha iniciativa singularísima e innovadora que se desenvolveu na dñecada dos anos 60 na cidade naval. 


A materia (a historia, os protagonistas, o legado) estaba aí, pero non foi até que o dramaturgo cabanés Francisco Oti recompilou a historia deste proxecto que abrollou no instituto Concepción Arenal cando se formulou a idea de organizar unhas xornadas. Explicábao onte o coordinador e impulsor nun acto de presentación que o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, cualificou de “moi entrañable”, pois durante moitos anos desenvolveu naquel centro a súa actividade docente. “Coñecín á xente que estivo dentro do Teatro Estudio, empezando por Ánxeles Seoane, a última receptora desa tradición que fixo obras de teatro estupendas e transcendentes”, explicou.


Ponte gabou o libro de Oti (publicado por Invasoras) porque permite, dixo, “que os seus protagonistas renazan: Loló Linos, Laura P. Landeira, Viky Taibo, Fernando Vivanco, Fernando Ocampo, Casteleiro, José Torregrosa...”. O edil de Cultura asegurou que “o teatro, máis que ningún outro xénero literario, inocula no afeccionado un virus que non hai maneira de exterminar. Quen o proba lévao sempre dentro”. 
 

Ponte Far: “O teatro inocula no afeccionado un virus que non hai xeito de eliminar”


Oti quixo agradecer a colaboración do Ateneo, Club de Prensa e Fuco Buxán ao longo do proceso de investigación que concluíu co libro –tamén á Asociación de Amigos do Teatro Jofre e á Academia Galega de Teatro no desenvolvemento das xornadas– “para demostrar a importancia que tivo o Teatro Estudio no ecosistema dramático actual”. O cabanés puxo como exemplo a traxectoria que seguiron –e aínda seguen– membros daquela experiencia, como Luma Gómez ou Eduardo Alonso, entre outros.


“O volume de traballo do Teatro Estudio pareceunos impresionante”, sinalou Oti. “Non sei se consciente ou non, o grupo reproduciu a idea do que supón un centro dramático local ao mellor estilo francés”, algo, dixo, “moi importante na época” porque foron “pioneiros, creando sistema, innovando, facendo teatro de vangarda”. 


Esas cualidades foron “detectadas” polo seu autor nunha obra anterior, “Alicerces teatrais en Galiza” (Invasoras, 2022). “Vin que a historia de Teatro Estudio tiña que ser rescatado con máis atención e precisión”, explicou.


Así, afirmou, “foi unha das primeiras compañías que se vinculan a unha institución, o que hoxe está tan de moda: unha compañía local que residía no Concepción Arenal porque tiña un director, Victorino López, que era un apaixoado do teatro. O Teatro Estudio definiu o sistema teatral de hoxe en día. Coido que a homenaxe é moi merecida”. 

 

Mesas redondas de martes a venres ás sete

O programa consiste nunha serie de mesas redondas desde o martes 9 ao venres 12, todas elas ás 19.00 horas, cun fin de festa moi especial o sábado 13. Así, o primeiro día falarase sobre “O teatro no ensino. Algunhas experiencias en Ferrol”. Presentará Fer Ocampo e intervirán o edil de Cultura, Ponte Far; a organizadora de Teatro con G, da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, María do Pilar Patiño; a coordinadora teatral do Concepción Arenal, Belén Roca; e a profesora neste centro e directora artística de Teatro Estudio Xente Nova entre 1991 e 2006 Ánxeles Seoane. 

 

O día 12 terá lugar a presentación do libro de Francisco Oti 

 

O mércores falarase sobre a repercusión na prensa e na crítica do Teatro Estudio, coas intervencións de Xulia Díaz, Rafael Permuy e Ricardo Sandoval. “Teatro e acción cultural” é o título da mesa redonda do xoves 11, na que participarán Xabier Montero Dongil, presidente do Ateneo; Helga Méndez, por Fuco Buxán; Gonzalo Rodríguez, pola Asociación de Amigos do Teatro Jofre; Luciano Fernández, director técnico do Padroado da Cultura de Narón; e Imma Soriano, da Academia Galega de Teatro. O venres 12 presentarase o libro de Francisco Oti, que estará acompañado por Carlos Caetano Biscainho, profesor na UDC, e por Eduardo Alonso, director e autor teatral. Para rematar, o sábado ás 12.00, música e proxección de “As muletas”. 

A homenaxe ao Teatro Estudio desempoa “As muletas”, un filme inédito de 1968

Te puede interesar