Invisten 2,2 millóns de euros na rehabilitación do Juan de Lángara e do IES Catabois

Invisten 2,2 millóns de euros na rehabilitación do Juan de Lángara e do IES Catabois
As obras adxudicáronse a finais de ano e terán unha duración de cino meses | j.m.

A Xunta de Galicia e o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana ratificaron o xoves un convenio, dentro do programa de impulso á rehabilitación dos edificios públicos que, no caso de Ferrolterra, inclúe obras no IES Catabois e no CEIP Juan de Lángara. Estes dous proxectos están incluídos na Fase 1, co cal xa está en marcha a súa tramitación. De feito, en ámbolos dous casos adxudicouse a obra a finais de ano. A do IES Catabois, a Prace Servicios e Obras, por un prezo de 761.853, 74 euros; e a do CEIP Juan de Lángara, a Proforma Ejecución de Obras y Restauraciones, por 1.436.397,05 euros.

As intervencións están financiadas con fondos europeos nun 80% e coa aportación da Xunta no 20% restante. Céntranse sobre todo na mellora enerxética das edificacións.



Catabois


No caso do IES Catabois contémplase, no ámbito da eficiencia enerxética, a substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), a substitución da carpintería exterior por outra de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluso persiana de aluminio con illamento no interior e caixa de persiana. Tamén se inclúe o cambio a luminarias LED.

Outras actuacións supoñen a colocación dun novo falso teito acústico anti-reverberación en aulas e vinílico nos aseos, o pintado interior en cores claras e cambio de portas interiores no andar baixo, modificacións na distribución (ampliación da biblioteca), melloras na accesibilidade e obras de mantemento.



Juan de Lángara


No caso do CEIP Juan de Lángara, a rehabilitación integral inclúe a cuberta, con problemas de estanqueidade, que se cambiará completamente, con traballos de illamento tamén no ximnasio, salón de actos ou capela. Tamén se actuará na fachada, cun illamento exterior continuo tipo SATE, con zócalo antihumidade e con verteaugas e reixas que faciliten a evacuación da auga. Renovaranse as carpinterías exteriores que aínda non foran cambiadas e traballarase tamén en pavimentos, paramentos interiores e falsos teitos.

O proxecto prevé ademais melloras na iluminación, coa renovación da instalación eléctrica da planta baixa do edificio, do salón de actos e do ximnasio; e coa substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED.

O prazo máximo de execución destas obras é de cinco meses, en ámbolos dous casos, segundo consta nos pregos. 

Invisten 2,2 millóns de euros na rehabilitación do Juan de Lángara e do IES Catabois

Te puede interesar