Iván Rivas: “Os veciños e veciñas terán no Bloque Nacionalista Galego o seu aliado”

Iván Rivas: “Os veciños e veciñas terán no Bloque Nacionalista Galego o seu aliado”
O candidato do BNG, Iván Rivas I Jorge Meis

O candidato nacionalista, Iván Rivas, lembrou no seu discurso que o BNG é a única forza que subiu en votos nas eleccións e ao PP instouno a “ser consciente da realidade política e social da cidade” e que teña humildade para buscar  chegar a acordos co resto das organizacións. “A idea de ‘yo o la nada’ pode quedar moi ben para facer filosofía pero é unha mala práctica política”, apuntou.


Rivas, que novamente empregou un ton duro e asumiu o papel de oposición xa desde o propio pleno de investidura, falou do muro do Arsenal, “que fai de Ferrol unha cidade incompleta, impide que teña unha conexión natural co mar e fai que unha das partes máis significativas e importantes sexan descoñecidas para propios e estranos”. É, dixo, “un muro físico e tamén mental” que “temos que empezar a derrubar”.


Apelou directamente ao presidente da Xunta para reclamarlle que non marchase de Ferrol sen comprometerse a manter a presencialidade en ciclos formativos que se imparten nos CIFP Leixa e  Rodolfo Ucha, cuxa comunidade educativa se manifestou en contra esta semana. 


Criticou ao PP como unha forza política da que non fiarse e que “ten esquecido a esta cidade durante tantos anos e que a ten empregado incluso como moeda de cambio”. Citou os floteis, o pacto por Ferrol e outros acordos que non se plasmaron en realidades. 


Iván Rivas quixo trasladar á veciñanza “unha mensaxe de esperanza e de optimismo”. Afirmou que “terán no Bloque Nacionalista Galego o seu aliado, e un proxecto de cidade diferente, sen muros, sen límites”. O seu grupo traballará “sen descanso para dar solución ás súas demandas, desde o diálogo con eles e co resto de organizacións e colectivos” co “orgullo de ser galego, de ser desta cidade” e recuperando “ese Ferrol oculto, latente, que sobrevive por riba e por baixo das institucións.”


“Desde o BNG defenderemos a esta cidade e os seus intereses por riba de todo”, afirmou, e rematou citando a Novoneyra porque “a forza do noso amor non pode ser inútil”.

Iván Rivas: “Os veciños e veciñas terán no Bloque Nacionalista Galego o seu aliado”

Te puede interesar