A sexta edición do Jazz de Ría arrancou hai uns días cunha festa de benvida na praia da Madalena, en Cedeira, que foi o preludio do que está por vir. Neste areal cedeirés é onde está previsto celebrar o concerto de apertura este xoves.
No devandito acto participaron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o alcalde de Neda, Ángel Alvariño; o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda; o concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez; a concelleira de Cultura de Neda, Verónica Vigo; así coma o técnico de Cultura de Cedeira, Quique Vázquez; e a directora do festival, Aitana Cuétara, que presentou as novas colaboracións e parceirías do festival.
Dun lado, súmase Cervezas Alhambra, en liña coa súa aposta por crear experiencias musicais únicas, que conviden a gozar das súas cervexas coa mellor banda sonora. Ademais, este ano a música que sonará antes e despois dos concertos, durante todo o festival, é unha escolla feita especialmente para o Jazz de Ría por Ábrete de Orellas, medio especializado con sede en Narón, dúas veces gañador do Premio Martín Códax da Música a mellor espazo de comunicación musical, como indican desde a organización.
A directora do certame tamén presentou as medidas adoptadas para tentar eliminar case ao 100% o plástico dun só uso e apostar por unha celebración respectuosa co medio ambiente. Así, grazas á colaboración da marca patrocinadora de cervezas, o festival contará con botellas reutilizables para a auga de todas as artistas e a equipa; e co apoio de Ecoembes estarán dispoñibles todos os colectores necesarios para facilitar a xestión dos residuos que se xeren durante o festival. Ademais, recupérase a “operación ecovaso”, para animar ás persoas asistentes a que leven os seus vasos reutilizables de casa. Para quen non dispoña deles, nas barras haberá recipientes de cartón 100% reciclables á súa diposición.
O Jazz de Ría recibiu en 2021 o premio Organistrum Extraordinario nos premios Martín Códax da Música, polas súas boas prácticas de sostibilidade e igualdade, en materia laboral, e na integración no entorno, entre outras cousas.
Con respecto á programación da cita, do xoves 11 ao sábado 14 de agosto, o festival ofrecerá unha selección musical que se achega ás marxes do jazz a través de propostas que xogan con outros estilos como o soul das Sey Sisters, o flamenco de Los Aurora ou as músicas populares d’A Brigada Bravo&Díaz. Como en cada edición, a programación está deseñada para cada localización concreta, polo que a integración no territorio é total, como subliñan desde a organización. A participación da veciñanza e a recuperación da memoria son tamén parte da filosofía do Jazz de Ría.
Asemade, todas as actividades son abertas, gratuítas e accesíbeis, como o roteiro ornitolóxico polo río Belelle, organizado pola Sociedade Galega de Historia Natural para o domingo e que xa esgotou as prazas.