Letras e músicas galegas na banda sonora festiva e reivindicativa do 17 de maio en Ferrolterra

Letras e músicas galegas na banda sonora festiva e reivindicativa do 17 de maio en Ferrolterra
Imaxe do acto das Letras Galegas do concello ferrolán celebrado na Cabana I JORGE MEIS

A conmemoración, onte, do día das Letras Galegas encheu a comarca de actos arredor da figura do homenaxeado deste ano, o escritor lugués Francisco Fernández del Riego, mais tamén serviu, como cada 17 de maio, para reivindicar a lingua e cultura propias e o fomento do uso do galego. Neste obxectivo centrou a súa actividade a plataforma Queremos Galego, con concentracións en diferentes cidades e localidades do país.


En Ferrol, foi a praza do Inferniño o espazo elixido para desenvolver unha acto que, desta volta, e coincidindo en plena campaña das eleccións municipais, serviu para esixir das institucións, sobre todo dos Concellos, “por ser os máis próximos á cidadanía”, unha maior implicación no fomento do uso do galego na vida diaria.


“Non é só celebrar un día, non é só facer algunha actividade cultural en galego ao longo do ano, senón que se trata de promocionalo realmente en todas as actividades e accións que se fan desde os Concellos”, destacou esta mañá a voceira da plataforma en Ferrolterra, Nicolasa Castro. Varios centos de persoas, moitas delas integrantes de colectivos que forman parte da plataforma, como o BNG, CIG, Coordenadora de Equipas de Normalización Linguística ou Adega, entre outras, secundaron o acto presentado por Delia Vázquez, representante da Mesa no Consello Municipal da Lingua. 

Queremos galego web
Un momento da actividade impulsada por Queremos Galego onte na praza do Inferniño I DANIEL ALEXANDRE


Unha escolma de textos teatrais por parte da actriz ferrolá Helga Méndez, a regueifa das crianzas da Semente e a interpretación musical da CorRal Poliafónica do Aturuxo de Melpómene completaron unha cita que tamén contou coa participación da Fundaçom Artábria, que desembarcaba no Inferniño no marco da ruada iniciada desde o seu centro social. A entidade seguiu a festa das letras con varias actividades no centro cívico de Canido.


A Cabana e o Jofre

Noutro barrio ferrolán, o da Cabana, desenvolvíase a partir das cinco da tarde o acto do Concello ferrolán, coas actuacións da coral Alecrín de Brión, o Coro Toxos e Froles e o dúo Brigantia. O concerto, no Jofre, do cuarteto belga Ialma, integrado por catro mulleres fillas de emigrantes galegos refuxiados en Bélxica, completou a xornada.

Ialma
O grupo belga Ialma, integrado por catro mulleres fillas de emigrantes, ofreceron un concerto no Jofre I J.M. 


Narón

En Narón, a actividade concentrouse na Praza da Lectura, onde ao longo de todo o día sucedéronse as diferentes actividades. Houbo espectáculos familiares a cargo de Brais das Hortas e Mamá Cabra, así como o concerto de Supermeiga ou a proposta de clown de AsSircópatas. Un obradoiro de imprenta ambulante e a presenza de librarías da zona contribuíron á animada xornada festiva arredor das Letras Galegas. 

Naron
Un dos espectáculos celebrados na Praza da Lectura de Narón I J.M.

 

Letras e músicas galegas na banda sonora festiva e reivindicativa do 17 de maio en Ferrolterra

Te puede interesar