A Feira do Libro de Ferrol escribe cada ano unha nova historia con protagonistas que repiten rol (autores, librarías, editoriais e as propias publicacións) e outras que se incorporan para lle dar un toque diferente en cada ocasión. Desta volta, foi a chuvia a que quixo colarse entre as páxinas desta edición, obrigando á organización a trasladar a unha carpa de reducidas dimensións o acto inaugural co que ao mediodía botaba a andar, de xeito oficial, un encontro que convida a “vivir os libros”, lema elixido este ano pola Federación de Librarías de Galicia.
A todos os sectores relacionados co mundo literario da “culta e ilustrada” cidade naval quixo homenaxear coas súas palabras Guillermo Llorca, pregoeiro de excepción. O historiador, que como tal ocúpase “de investigar o pasado para comprender mellor o presente”, referiuse aos autores, “sen os que non habería nada que contar”; á primeira imprenta que houbo na cidade, creada por Lorenzo José Riesgo; ou ás “casas dos libros”, esas bibliotecas convertidas en auténticos templos da cultura e da literatura. A da cidade naval vía a luz un 23 de setembro de 1978 nun dos salóns do antigo Concello grazas a un enorme esforzo colectivo. Esa mesma biblioteca pública cuxos traballadores reivindican na actualidade máis persoal, petición á que o pregoeiro se sumou publicamente.
Lembrou e salientou tamén o servizo bibliográfico do Centro Obrero de Cultura; a Biblioteca e Hemeroteca do Anteneo Ferrolán, declarada en 1989 de especial interese para Galicia e con máis de cincocentas cabeceiras de prensa; o a Colección de Revistas de Arte da SAF, cunhas 25.000 publicacións procedentes de diferentes países do mundo.
Na memoria do escritor ferrolán están aínda moi presentes librarías dos seus anos universitarios, como Delta, Helios o El Quijote, “que naqueles tempos escuros de censura franquista supuxeron un sopro de aire fresco para algúns lectores que estabamos ansiosos por achegarnos ás últimas novidades editoriais”, apuntou, ao tempo que dedicou unhas sentidas verbas para outro dos eixos esenciais da literatura: os lectores.
Entre eles, “aqueles arriscados traballadores da antiga Bazán, vellos sindicalistas e militantes de esquerdas, represaliados polo Franquismo, que seguindo cunha tradición iniciada nos tempos da República, tentaron de fomentar a formación cultural e ideolóxica cunha Biblioteca rotativa, que funcionaba de xeito clandestino para levar aos talleres do estaleiro libros prohibidos, de Lorca, de Machado, de Neruda...”.
Como tamén son dignos de salientar, engadiu, os numerosos clubes de lectura, “configurados principalmente por mulleres”, que veñen protagonizando un papel fundamental “no fomento do libro e da crítica literaria”, como é o caso do do Ateneo, dirixido por Ángeles Seoane e con 22 anos de historia. Editoriais locais como a antiga Céltiga ou Embora, que este ano celebra o seu trixésimo aniversario con máis de cincocentos títulos publicados mereceron tamén os eloxios dun pregoeiro que quixo co seu discurso elevar a ollada “desde estas referencias locais sobre o mundo do Libro a outras latitudes” para denunciar o que sucede hoxe en día nalgúns países onde o dereito á cultura semella estar penado.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, considerou que “estamos nun momento bastante bo para o mundo do libro”, con incremento de vendas e edicións. “O ano 2022 foi o ano con máis libros editados na historia recente”, dixo. E deu outro dato: “Galicia é a comunidade autónoma que maior número de librarías ten por habitante”.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que se referiu aos libros como “un artigo de primeira necesidade e un alimento altamente indispensable para a mente”; e o presidente da Federación de Librarías, Ramón Domínguez, tomaron parte tamén na cita inaugural na que exerceu como maestro de cerimonias, nun acto de recoñecemento por parte dos compañeiros de profesión, o recoñecido libreiro Ismael Cortizas, que en xuño se xubilará. Ata o domingo, a súa librería (Cortizas) compartirá espazo no Cantón xunto a Metropolis Comics, Central l.ibrera Real, Estraviz e Pedreira, ademais de coa editorial Embora.
Máis de trinta autores pasarán nos tres días polo evento para presentar ou asinar as súas obras. O horario da feira hoxe será de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas.