Lucía Santiago | “As enerxías mariñas renovables son un sector con moitísimo futuro”

A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría coordina o equipo do Campus Industrial no proxecto Erasmus+ Flores
Lucía Santiago | “As enerxías mariñas renovables son un sector con moitísimo futuro”
Escola Politécnica, foto entrevista Lucía Santiago Caamaño

O proxecto europeo Erasmus+ Flores –Forward Looking at the Offshore Renewable Energies– que lidera o Centro Tecnolóxico do Mar, o Cetmar, organismo dependente da Consellería do Mar, xa está en marcha e nel participa o Campus Industrial de Ferrol cun equipo dunha ducia de profesores, investigadores e persoal técnico coordinados pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Lucía Santiago.


“A idea do Flores é impulsar as enerxías renovables mariñas desde o punto de vista da promoción da capacitación para este sector, pois é un sector emerxente que está a crear novos postos de traballo”, explica Santiago. Trátase, engade, de “analizar as capacidades que se precisan e as formacións que se deben impulsar para cubrir estas novas necesidades”.


A profesora da EPEF apunta que o proxecto ten socios de 15 Estados membros da Unión e en Galicia, ademais do Cetmar, está implicada a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia –Asime–.


A misión do equipo que coordina Lucía Santiago intervén en varias liñas de acción. Unha delas, afirma, “é o observatorio de capacidades, para o que recollemos as ofertas de emprego que hai neste sector, e tamén a oferta de programas de formación hai na Unión Europea en enerxías mariñas renovables”.


Outro dos paquetes de traballo que se abordan desde o Campus Industrial é a “promoción da aprendizaxe ao longo da vida” e, nese sentido, explica Lucía Santiago, “temos que ter en conta que non só se forma xente nova, senón que se poden reciclar traballadores doutros sectores”.


É aquí onde o proxecto Flores está a incidir especialmente. “Elaboramos unhas guías con directrices claras e específicas para impulsar enfoques innovadores na aprendizaxe ao longo da vida, adaptándonos tamén á demanda que existe”.


O seguinte paso é desenvolver uns proxectos piloto co alumnado para analizar “a resposta”. En todo caso, o destinatario non é só o alumnado universitario, senón tamén de Formación Profesional e mesmo, apunta Santiago, “hai unha liña que vai orientada á xente máis nova, de Bacharelato e Secundaria. Aquí estanse a facer uns vídeos nos que profesionais do sector presenta o seu perfil para dalo a coñecer”, di.


Necesidades


A profesora da EPEF asegura que as enerxías mariñas renovables teñen un futuro prometedor, e non só no que respecta á oferta de emprego. “Temos unha necesidade moi grande de enerxía que coas fontes actuais non se pode cubrir”, afirma.


“Hoxe en día estamos moi preocupados polo cambio climático e é moi importante contribuír como sociedade a paralo a través do desenvolvemento de novas tecnoloxías”, considera a coordinadora do proxecto. 

Lucía Santiago | “As enerxías mariñas renovables son un sector con moitísimo futuro”

Te puede interesar