Máis de 2.000 mulleres participaron ata agora en Ferrol nos cribados de cancro de cérvix

Máis de 2.000 mulleres participaron ata agora en Ferrol nos cribados de cancro de cérvix
Un momento da visita do conselleiro ao Fontenla Maristany | e. cortizas

A saúde das mulleres terá un papel prioritario na Estratexia Galega da Xunta no ámbito sanitario, que inicia o seu proceso participativo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa visita ao centro de saúde Fontenla Maristany, de Ferrol, onde comprobou o funcionamento do programa de cribado do cancro de cérvix que o goberno galego puxo en marcha nesta área sanitaria a finais do ano 2022, ao igual que en Pontevedra –en 2021 comezou en Lugo– e que este ano chegará a toda Galicia, coa súa implantación nas catro áreas restantes (A Coruña, Santiago, Ourense e Vigo). Con este cronograma, salientou, “Galicia adiantarase dous anos aos obxectivos europeos de cobertura deste cribado”.
 

Das 17.731 mulleres que desde a súa posta en marcha participaron nestes cribados, máis de 2.000 son de Ferrol. Do total, un 6,36% resultaron positivas ao virus do papiloma humano de alto risco e nunha cuarta parte dos casos positivos atopáronse os xenotipos do virus que están implicados na maioría das lesións precursoras deste tipo de cancro. As modalidades de acceso ao programa son por invitación ou captando á muller na súa consulta coa matrona ou matrón. “Entre os dous sistemas, estamos a conseguir que máis do 50% das mulleres da poboación obxectivo participe neste programa”, apuntou.
 

O conselleiro lembrou ademais a decisión da Xunta de ampliar a partir deste 2023 o rango de idade do programa de detección precoz do cancro de mama e a constitución de unidades de solo pelviano nas sete áreas sanitarias.
 

García Comesaña, que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e de responsables sanitarios desta área, destacou o compromiso galego coa saúde da muller, enumerando algunhas das accións desenvolvidas. Apuntou así á extensión de programas de cribado poboacionais, “que están axudando a previr o avance de cancros en moitas mulleres galegas”, dixo; a posta a disposición das mulleres da mellor tecnoloxía e equipamento diagnóstico; ou o referido proceso participativo da nova Estratexia Galega de Saúde, “que vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación”.

Máis de 2.000 mulleres participaron ata agora en Ferrol nos cribados de cancro de cérvix

Te puede interesar