“Lieders”, o manifesto feminista e rompedor que unha aínda descoñecida Rosalía de Castro publicara no xornal vigués El Miño en 1858, vén de ser reeditado pola Fundación Galiza Sempre en edición facsimilar, con tradución ao galego e cun limiar da escritora e investigadora Pilar García Negro. O vindeiro xoves, día 6, preséntase ás 19.30 horas no Antigo Hospicio nun acto organizado pola sociedade cultural Medulio.
No manifesto, apunta García Negro na introdución, preséntase unha Rosalía que “se revela e rebélase”. Ese ano, a galega máis universal casa con Manuel Murguía, o que converte este texto de a penas corenta liñas no seu “carnet de identidade elocuente e intransferíbel, as súas credenciais primeiras, a súa reveladora apresentación en público”.
O ferrolán Benito Vicetto ten tamén o seu papel neste episodio. Lembra no proemio a profesora coruñesa que o historiador e escritor da cidade naval, que mantivo unha atormentada relación –amor e odio a partes iguais– con Murguía, escríbelle ao “Patriarca” para que “Lieders” –era así como Vicetto chamaba a Rosalía– “cante nuestra Santa Libertad”.
Para García Negro non hai nas literaturas coetáneas “nada semellante a esta peza espectacular”. Descarta a profesora unha arroutada propia da mocidade –tiña 21 anos cando se publicou–, pois “esta cédula de identidade orixinal foi leal á autora durante o resto da súa vida e da súa obra toda”. Versos como “cuando los señores de la tierra me amenazan con una mirada, quieren marcar mi frente con una mancha de oprobio, yo me río como ellos se ríen” demostrarían, sinala a autora do limiar, o carácter indomable de Rosalía, que pouco despois, en 1861 en Madrid, publicaría ademais “Eva”, un poema no que subverte o significado bíblico do mito do pecado orixinal para presentala como “salvadora das mulleres, redentora da metade da humanidade non incluída no catolicismo oficial”.
No acto intervirá García Negro e tamén Lucía Veciño, técnica da Fundación Galiza Sempre.