A vicerreitora do Campus Industrial de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, asegurou esta mañá nas Conversas no Parador que na nova etapa que se abre o vindeiro mércores, día 17, coa remuda da equipa reitora na UDC, tocaralle "gozar do futuro do Campus, que neste momento é moi prometedor". Movilla foi a convidada nesta iniciativa do Club de Prensa que, na práctica, se converteu no acto público de despedida como vicerreitora, cargo que asumiu en xaneiro de 2020, apenas dous meses antes do confinamento. "A vida de todos cambiou, tamén a da universidade", lembrou.
A profesora e investigadora fixo balance destes catro anos, incidindo especialmente na colaboración que atopou na comunidade universitaria para impulsar os "catro fitos" que tiña na axenda cando asumiu o cargo: a integración das escolas de enxeñaría, a acreditación de especialización do Campus Industrial, a reorganización e optimización dos espazos e a actualización da oferta de títulos. A pandemia, recalcou, "cambiou totalmente o escenario", en primeiro lugar por "ter que acometer o proceso de adaptación de pasar da docencia presencial á online" e porque "a incertidume" pasou a dominar a situación. "Cando volvimos á presencialidade e puidemos pór en marcha as obras que requirían o traslado da escola de Serantes", dixo, "atopámonos cun incremento dos custos do 30%, dificultades para atopar o equipamento e demoras nos subministros...". Movilla agradeceu o desempeño das direccións das dúas escolas naquel momento porque "para cada obstáculo foise atopando unha solución".
Esta reorganización demandaba máis espazo, como o que se conseguiu coa rehabilitación dunha parte da residencia de Batallóns, cedida pola Armada, para despachos do profesorado da Politécnica e a ubicación do Centro Mixto de Investigación Navantia-UDC. "O Campus Industrial de Ferrol é un campus moi apoiado pola contorna, desde a Armada ata o Concello, Navantia e todo o tecido empresarial e industrial. Todos entenden que todos saímos gañando se o campus se fortalece", engadiu. Movilla referiuse tamén ao novo edificio de investigación que se vai erguer no solar que hai fronte as facultades de Enfermaría e Podoloxía e de Ciencias do Traballo e que definiu como un "pulmón porque vai permitir osixenar espazos e adaptalos ás necesidades dos investigadores e investigadoras, tamén para que estes equipos poidan medrar".
A vicerreitora en funcións incidiu, nomeando a todas as persoas que a acompañaron nesta etapa, en que "ao outro lado encontrei sempre xente de buscar solucións, non de ancorarse nos problemas", polo que definiu esta etapa que se pecha o día 16 como "unha experiencia excepcional, fantástica: aprendín moitísimo, sobre todo no eido persoal", subliñou. "É unha sorte poder traballar con boas persoas", afirmou.