Embora celebra as súas tres primeiras décadas de vida e faino con boas perspectivas ou, cando menos, non diferentes ás do resto de editoriais galegas, explica o seu director, Miguel Toval –Ferrol, 1966–.
Cando o proxecto botou a andar, pensaban nunha traxectoria tan longa?
A verdade é que non. Cando creamos a editorial, en 1993, non tiñamos pensado durar 30 anos, nin seguramente –iso pénsoo agora– que fora posible. De feito, os trinta anos son difíciles, pero os comezos fórono aínda máis. Eramos xente nova sen experiencia ningunha.
Concibíase entón como a editorial que coñecemos hoxe?
Non, tal como somos hoxe non. O proxecto foi variando co paso do tempo, coa nosa aprendizaxe sobre a marcha e sobre o que demandaba o público. O que si tiñamos claro desde o principio era montar unha empresa e o feito mesmo de que fora unha empresa e non outro tipo de iniciativa cultural determinou os pasos que fomos dando e tamén algunhas decisións. En principio era un proxecto xornalístico, “Crónica de Ferrolterra”, do que fixemos 69 números mensuais, e matámolo nós. Decidimos non continuar, pero daquela xa estaba en marcha a editorial como un proxecto de produción estable de libros.
Nos comezos, enfoque local.
Si, ao principio era unha editora de historiografía local e de autores locais, pero fundamentalmente sobre temática histórica. De feito, a colección chamábase –chámase– Biblioteca de Ferrolterra. Co paso do tempo fomos cambiando todo, desde a produción ata a mesma imaxe e o produto que facemos.
De todos os cambios destes últimos trinta anos, cal foi o reto máis importante?
O reto fundamental de calquera editorial galega esencialmente non variou, que é que nos diriximos a un público cada vez máis pequeno porque o país perde falantes, e iso debuxa un futuro incerto. Neste tempo houbo moitos procesos tecnolóxicos, industriais e de comercialización que mudaron, como o nacemento de Amazon, por exemplo, que desprazaron os marcos nos que nos moviamos todos.
Hai menos falantes e a xente le menos?
Os índices oficiais de lectura din que a xente le máis, pero le noutros soportes, xa non todo é papel. É falso o que se dicía hai uns anos de que o papel morría. A realidade non é esa: non hai ningún país no mundo, agás China, no que a lectura dixital de libros –outra cousa son revistas ou prensa– supere a lectura en papel. E creo que as editoriais se adaptaron ben a ese fenómeno.
Cando comezaron sorprendeulles a cantidade de autores que tiñan interese en publicar?
Comezamos porque viamos que había xente que estaba publicando e que se autoeditaba... Non había un soporte editorial. Había moi boas edicións, pero cunha dificultade, entendo, de distribución. Naquela altura procuramos sistematizar, na medida das nosas posibilidades, a produción local para que os autores que quixeran puideran traballar con nós. Sabiamos que había moito interese e o que fixemos foi intentar “aproveitarnos” del para crear un formato e unha marca recoñecible.
Cal foi o libro que os impulsou?
Non me gusta facer isto porque son trinta anos, hai moitos autores e moitos libros de moita calidade, e destacar un sobre os demais non me parece xusto. Cremos que temos publicado moitos libros de moitísimo interese, de gran calidade, e que ás veces o éxito comercial non ten que ver coa calidade do libro; ás veces non chegamos no momento adecuado.
Hai un “boom” creativo trala pandemia?
Non, esa creatividade sempre a houbo, o que pasa é que agora hai posibilidades técnicas de editar moi rápido e relativamente barato.
Unha das partes máis difíciles do labor de editor é rexeitar textos?
Todos recibimos moitos máis orixinais dos que podemos editar. Un libro ten que encaixar na nosa liña; se non publicamos poesía ou manuais de matemáticas, aínda que a proposta sexa estupenda, non poderiamos sacarlle rendemento e para o autor vai ser unha decepción porque non temos un sistema de distribución que nos permita chegar ao público ao que lle interesa a poesía ou as matemáticas. Ás veces atopámonos con libros moi interesantes que encaixan mellor noutras editoras. Nos últimos anos procuramos, e modestamente creo que o imos logrando, ter certa unidade e un criterio recoñecible no que se publica.
Van manter a liña editoral nos próximos anos?
A curto prazo, a editorial vai seguir centrada en infantil e xuvenil e en non ficción para adultos. No caso dos primeiros, este ano comezamos con títulos de divulgación científica cos que queremos continuar.