O Concello de Ferrol adxudicou a finais de outubro o contrato para a restauración do monumento á música ferrolá, por un importe total de 14.300 euros, a Carme Romero Díaz, unha das mellores coñecedoras da obra do autor, Francisco Pérez Porto. A semana pasada concretáronse os últimos detalles que quedan por materializar antes do inicio das tarefas, que segundo a ceramista, deberían complementarse con outros elementos, como a iluminación, para que o labor perdure.
Pouco antes da adxudicación, o goberno municipal xa contou coa ceramista para impartir un obradoiro dirixido a persoas maiores, aproveitando a zona ampliada do museo Pérez Porto de Esmelle, e xa advertiu da intención de continuar ofrecendo máis actividades no espazo. “Eu coñezo o traballo de Francisco como se fora o meu”, sinalou Carme Romero, detallando a o termo do seu “ideolecto”, polo que a artista é sabedora tanto dos aspectos relacionados coa cerámica, como coa pintura e toda a súa linguaxe artística. “Creo que son das poucas persoas que vin traballar a Francisco”, engadiu, xa que se trata dun ceramista que obraba en soidade.
Os únicos elementos que faltan antes de comezar a restauración, que xa se concretaron a semana pasada, son o andamio e a carpa necesaria para traballar independentemente da meteoroloxía que coincida. Esta misión xa foi acometida conxuntamente fai arredor de 10 anos por Pérez Porto e Carme Romero, pero nesta ocasión será esta última a que se ocupe soa, que xa conta con ampla experiencia na restauración. De feito, vén de rematar a que realizou no monumento a Alexandre Bóveda deste mesmo autor, na Coruña, co que pode adiantar cal será o proceso que leve a cabo.
As esculturas a recuperar poden presentar dous tipos de desperfectos. Comezando polo transcurso natural do tempo, nas superficies “van creándose mofos ou herbas” que é preciso eliminar. Por outro lado, “está o vandalismo, que por exemplo, na de Alexandre Bóveda había unha cara destrozada”, un dano que, para realizalo, “hai que facelo con algo duro e custa moito romper algo así”, declarou Romero.
A primeira fase do proceso de restauración é desfacerse, integramente a man, “dos fungos, líquenes, suciedade...”, indicou a profesional, que utiliza para isto uns paus especiais de madeira, de xeito que non prexudique os materiais. “Logo, fago un xabrón especial para limpar esas zonas e non danar nada”, continuou.
Para refacer as mans das figuras, que son o elemento no que máis se observan os desperfectos, creará moldes. Esta é a técnica que tamén utilizará para reparar o corpo escachado dun neno. “Iso é o máis complicado”, adiantou Carme Romero, porque debido a que o barro reduce, resulta difícil realizar “un molde para algo que é irregular”, polo que a restauradora planifica facer “varias mostras para que algunha delas encaixe ben”.
Ademais, unha das tarefas fundamentais será selar “todos os ocos para evitar que entre suciedade e reforzar”, polo que se previría en gran medida os dous principais tipos de desperfectos. A restauración das cores é outro dos desafíos, partindo de que tanto Pérez Porto coma Carme Romero non utilizan tons básicos, senón que adoitan crear mesturas.
Así mesmo, a dificultade radica en que, na cerámica, esta clase de decoración establécese no proceso do forno. “Estiven a investigar con moita xente que sabía deso, pero como é algo que non se fai, probei varias opcións”, explicou a artista, que se decanta por “unhas pinturas con catalizador, que protexen un pouco da humidade”, polo que pensa que será unha solución duradeira.
Carme Romero aprendeu da súa experiencia como restauradora diversas leccións de “como habería que facer de cara o futuro se se fixese outro monumento”, advertiu en referencia ao selado, útil tanto para o potencial vandalismo como para os danos orgánicos, especialmente “porque aquí chove moito”. Ao tratarse dun monumento situado na Alameda, a profesional apuntou a pertinencia de que se ilumine para fomentar o seu coidado, porque “ese traballo de Francisco merece respecto por parte de todos”.
Neste sentido, tamén deu conta de que o autor, “no seu proxecto inicial, quería que se puxesen toxos arredor, que é a nosa flor, a chorima”, un detalle que descoñece se o Concello ten a intención de levar a cabo, pero “é unha maneira de evitar que a xente se poña debaixo, aparte que son preciosos”, seguiu.
Segundo concretou Romero, os impulsores da restauración foron Pedro Blanco, Ramón Loureiro e Couce Fraguela, que “que querían algo no pedestal”, polo que unha novidade será a incorporación dunha greca de pinturas cerámicas que fan referencia ao monumento, para o que conta co permiso de crealas e engadilas de Pérez Porto.
Os danos que motivaron a contratación dos traballos de restauración do monumento á música tradicional de Ferrol presentan trazos que delatan a intencionalidade dos desperfectos, segundo indicou a propia restauradora. “É incrible que falten 33 mans”, declarou Carme Romero sobre o estado da estrutura, que xa tivera que ser restaurada fai arredor de dez anos.
Segundo considerou esta profesional, os responsables deben de tratarse de “persoas que non admiran nin saben o esforzo que hai detrás”, xa é necesaria unha gran cantidade de anos de traballo para adquirir “a experiencia que tes que coller para facer unha peza desa dimensión”, indicou Romero. En consecuencia, atribúe as accións á “ignorancia”, tanto en referencia ao esforzo humano como “a nivel material e económico, o custo que ten”.
Ademais de medidas disuasorias como son a iluminación ou o establecemento de elementos que disuadan ás persoas de acercarse a prexudicar a obra de arte, como é a idea do proxecto inicial que tivera Pérez Porto, “a xente que o fai debería pensar un pouco nesas cousas, que é fácil destrozar algo e sen embargo construír é un traballo que leva detrás moito tempo e esforzo”, manifestou Carme Romero.