Nova sesión do ciclo Afeccións Transformadoras do Hospital de Día de Psiquiatría

A acción enmárcase no programa de Terapia Ocupacional no que se traballa tódolos mércores
Nova sesión do ciclo Afeccións Transformadoras do Hospital de Día de Psiquiatría
Na imaxe un momento da sesión celebrada esta mañá no centro cívico de Canido

A segunda das sesións do ciclo Afeccións Transformadoras, organizado pola terapeuta ocupacional do Hospital de Día do Servizo de Psiquiatría e Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Nuria García Gonzalo, tivo lugar esta mañá no Centro Cívico de Canido.

 

Esta acción súmase á que tiña lugar xa no mes de outubro. “Polo feito de ser humanos necesitamos momentos de lecer, e afeccións nas que o noso potencial, a nosa esencia, aquilo no que temos brillo, se manifeste en estado puro”, así explicaba esta profesional a clave desta actividade coa comunidade na que o protagonista de hoxe foi "Noite de Tormenta", partida de xogo de rol "A chamada de Cthulhu", para a que viñeron 5 máster de toda Galicia para dirixir cada un dos grupos. 

 

Con esta actividade, engade esta profesional, seguen as liñas do plan Estratéxico relativo á saúde mental 2030, e poñen o foco tanto na prevención e a atención de calidade para toda a cidadanía dende a participación cidadá, como na promoción dun estilo de vida saudable.

 

Así, no marco do Programa de Terapia Ocupacional, no Hospital de Día traballan tódolos mércores “a importancia das afeccións, o valor do tempo de lecer, e a conexión deste con nós mesmos e co noso entorno natural”. Agora, dan un paso máis, e trasladan esta actividade habitual a un traballo comunitario centrándose nun modo de lecer e coñecendo os xogos de rol. 

 

Esta segunda sesión sobre xogos de rol forma parte dun ciclo que continuará con outras actividades relacionadas co lecer este mesmo ano e o ano que vén, subliña a terapeuta ocupacional da Área ferrolá.

 

Un tempo de lecer de calidade

 

 “Hai momentos vitais no que o tempo de lecer é o primeiro que sacrificamos, pero tamén hai momentos nos que a través do lecer nos salvamos”, explica Nuría García. “E non se trata de facer actividades por facer, é conectarnos con nós mesmos e co que nos rodea desde aquilo que nos motiva e que nos gusta”, de aí esta actividade fóra do seu espazo habitual e no marco da súa comunidade, unha actividade de inclusión que “une ó entorno de xeito natural e aberto, como sociedade, creando vencellos”, subliña. “Lecer non é estar a descansar ou deitado. O lecer é un espazo transformador, no que saímos máis completos despois da súa experiencia”, engade esta terapeuta ocupacional.  O lecer cando é frutífero e de calidade “serve para que te atopes mellor”, engade.

En relación ao motivo de elexir os xogos de rol, esta profesional explica que, “en investigación sempre necesitamos que haxa unha persoa que nos abra o campo, é dicir, que nos poña en contacto non coa teoría senón coa poboación para investigar. Esta é a idea deste ciclo, que sexa unha apertura a outro campo, que nos poña en contacto con formas de lecer activas e creativas”, conclúe.

Nova sesión do ciclo Afeccións Transformadoras do Hospital de Día de Psiquiatría

Te puede interesar