Medio centenar de veciños e veciñas dos concellos de Narón e Lugo participaron este luns nun acto no que se deu a coñecer o programa do Oenach Atlántico, que se celebrará na parroquia de Sedes entre o próximo venres 26 e o domingo 28. O encontro tivo lugar na Praza Maior lucense, relembrando os lazos que manteñen as organizacións de dous eventos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia.
A presentación contou, aparte dos particulares que se sumaron á iniciativa, caracterizados con traxes de época, coa concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, ademais doutros integrantes de ambos gobernos locais, que se reuniron fronte á casa consistorial lucense. Tal e como se realizara en 2019, o acto materializou o irmanamento entre a asociación veciñal Rosa dos Ventos, de Sedes, e Arde Lucus, de Lugo. Os membros que estiveron presentes da entidade naronesa deron a coñecer o programa do seu evento, que se celebrará na campa do Trece.
“O feito de que a asociación Rosa dos Ventos e o Concello de Narón elixan Lugo para presentar o Oenach Atlántico, a festa castrexa que se celebra en Sedes, é unha honra para a cidade, e tamén para o Concello de Lugo e as asociacións de recreación histórica, como promotoras da festa do Arde Lucus”, indicou Alvarellos. A alcaldesa do municipio lucense tamén deu conta do proxecto que teñen en común as dúas localizacións, polo seu proxecto revalorizador do propio patrimonio, por medio da recuperación das tradicións “con este tipo de eventos que están a demostrar que homenaxear a nosa historia e a nosa cultura non é incompatible con gozar da festa”.
Así mesmo, a anfitrioa continuou desexando “que o Oenach Atlántico logre tantos recoñecementos como o noso Arde Lucus”, posto que son dúas celebracións que naceron do mesmo xeito, até ir medrando “grazas ao compromiso de toda unha comunidade, e que reflicte o orgullo que sentimos polos nosos orixes e a nosa identidade”, declarou Alvarellos.
Por outro lado, a concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, destacou a potencialidade destas celebracións para “reforzar e difundir as raíces culturais de Galicia en xeral e dos nosos concellos en particular”. O programa completo do Oenach Atlático, que inclúe, ademais de importantes sesións musicais, xogos e obradoiros, outras actividades como recreacións teatrais da vida nos castros ou a exhibición de oficios tradicionais, pódese consultar na web municipal, premendo neste enlace.