O programa deste ano da celebración do San Xoán de Esmelle terá lugar dende este sábado até o luns. Este encontro contará con propostas musicais para todas as xornadas e o popular Concurso de Rueiros, que dará vida ás fachadas das vivendas participantes, continuando coa tradición de adornar as casas por esta data que adoita conmemorar a entrada no solsticio de verán.
A primeira proposta é a degustación de liscos e chourizos que se convoca a partir das 22.00 horas do sábado, que estará amenizada pola verbena a cargo de La Mekánika e Karamba. Ás 12.00 horas do domingo, o xurado visitará as casas participantes no Concurso de Rueiros, para o que é necesario inscribirse a través deste formulario electrónico, que valorará aspectos como os trazos artísticos, o carácter tradicional ou o uso de elementos autóctonos.
Esta xornada contará coa sesión vermú do Grupo Jake e a música continuará pola noite, coa verbena deste mesmo colectivo, ademais do prato forte da Orquestra Olympus. A lumieira de San Xoán acenderase esa noite, como marca a tradición, ás 00.00 horas. O luns, Día do Patrón, comezará co percorrido de gaiteiros e continuará, á 13.00 horas, coa misa e procesión. Despois, ofrecerase outra sesión vermú con espectáculo pirotécnico. As festas culminarán pola noite, coas actuacións do grupo Antha e a Orquestra Los Players.