Outras dúas nominacións aos premios Goya para Chelo Loureiro

Opta ao mellor filme e curta de animación
Outras dúas nominacións aos premios Goya para Chelo Loureiro
Loureiro, en febreiro pasado, cos tres Goyas conseguidos até ese momento I E. Cortizas

A ferrolá Chelo Loureiro volve optar a dous premios Goya na gala da edición de 2023 que se celebrará o vindeiro 10 de febreiro en Valladolid. A organización do evento deu onte a coñecer os nominados en cada unha das categorías da que será a súa trixésimo oitava cita e entre eles figuran dous proxectos producidos pola cineasta ferrolá co seu selo Abano, “O soño da Sultana”, como mellor película de animación, e “To Bird or not to Bird”, como mellor curta de animación. 


Loureiro recoñecía este serán estar emocionada, pois estas nominacións son o resultado “dun longo e intenso traballo” que, por exemplo no caso de “O soño da Sultana”, principiou hai unha década. “Agora vese o froito e a verdade é que son proxectos que estaban en marcha desde había moito tempo que quería rematar antes de xubilarme”, explica.


A cineasta subliña a dificultade de optar a premios cando o xénero é animación. “É un traballo de moita xente e, tamén, máis difícil de financiar”, apunta antes de recoñecer que, aínda que nestas dúas obras non figura como directora ou guionista, “a satisfacción é exactamente a mesma como produtora”. Nesa liña, afirma que “hai moito de min en cada película. En cada unha, desde o inicio, comezo con toda a parte creativa; métome de cheo, non só me encargo do financiamento e de intentar vendela ás diferentes televisións ou plataformas, senón que estou aí desde o guion, en toda a parte de deseño gráfico... Cada pequeno detalle traballámolo cos autores. É dicir, encóntrome identificada con cada “frame” da película”.


De “O soño da Sultana” resalta Loureiro “o traballo fantástico de Isabel Herguera na parte gráfica” e lembra que “vimos de estar na sección oficial en Donostia: eu entendo que os Goya son os premios máis importantes, pero é moitísimo máis difícil, moitísimo máis, estar en Donostia que nos Goya. Foi a primeira vez que unha película europea de animación estivo seleccionada na sección oficial de Donostia”. 


Con respecto á curta do coruñés Martín Romero, “To Bird or not to Bird”, a ferrolá di alegrarse “moitísimo porque é un rapaz tremendamente traballador e merece ter este recoñecemento”. 

Outras dúas nominacións aos premios Goya para Chelo Loureiro

Te puede interesar