A revista Public Health, unha referencia internacional no seu campo, vén de publicar o traballo co que o profesor da Universidad Complutense Pablo Prego –Ponteareas, 1991– gañou o premio de investigación Antonio Usero que convoca o Concello de Ferrol. Nel, o autor analiza a violencia sexual facilitada por drogas en poboación xuvenil, coñecida popularmente, lembra, como submisión ou vulnerabilidade química “porque a persoa perpetradora agrede sexualmente á vítima aproveitando que esta se atopa incapacitada por estar baixo os efectos de sustancias psicoactivas”.
Cal é o propósito do traballo?
Coñecer o alcance deste problema. Ademais, analiza as características dos episodios de violencia, e os factores que se relacionan con ter sufrido violencia sexual facilitada por drogas.
Cales son as principais conclusións ás que chega?
O principal resultado é a elevada prevalencia desta forma de violencia sexual. Na franxa de idade entre 18 e 35 anos, unha de cada dúas mulleres e un de cada catro homes sufriu algunha vez violencia sexual facilitada por drogas mentres se atopaba de festa. As cifras refírense a ser obxecto de comportamentos non consentidos que van desde tocamentos ata violación. Agora ben, se nos enfocamos só nas agresións máis invasivas, vemos que o problema afecta ao 7% e ao 6% de mulleres e homes, respectivamente. As mulleres seguen sendo as máis afectadas, se ben atopamos tamén unha considerable afectación masculina. Na gran maioría dos casos, os agresores aprovéitanse de vítimas que se atopan baixo os efectos de alcohol consumido voluntariamente. Isto contrasta coa noción amplamente estendida segundo a cal o estado de incapacidade das vítimas deriva de consumos involuntarios debidos a que o agresor lle administra en segredo algunha droga á vítima. Isto tamén sucede, pero son maioritarias as agresións oportunistas de quen aproveitan os efectos provocados por consumos voluntarios.
Que medidas se poden tomar?
A prevención require unha mellor educación afectivo-sexual. É importante educar sobre o consentimiento nas relacións sexuais. O consentimiento debe ser claro e sobrio, insistindo en non aproveitarse de persoas vulnerables polos efectos do alcohol ou outras drogas. Este labor educativo debe complementarse con intervencións paralelas en escolas, institutos, centros culturais e de saúde. Tamén hai que mellorar os procesos de atención e acompañamento social ás vítimas para reducir a súa estigmatización e favorecer a súa recuperación.
Hai moita “poboación oculta”?
A violencia sexual é unha experiencia socialmente estigmatizadora para as vítimas. Para evitar o sinalamento e sentimentos de vergoña e culpa, moitas vítimas adoitan gardar silencio, evitando denunciar e comunicar o sucedido ao seu entorno. Probablemente esta situación é máis frecuente en casos de violencia sexual facilitada por drogas, debido a que ao estigma sexual súmase tamén o sinalamento social relacionado co consumo de alcohol ou outras drogas. Cómpre sensibilizar á poboación para evitar a estigmatización das vítimas de violencia sexual, lembrando que só as persoas que exercen a violencia son as responsables.