O filme “La Parra”, do director ferrolán Alberto Gracia, exhibiuse onte por primeira vez no festival Cineuropa, onde recibiu premio en recoñecemento á súa traxectoria. Neste encontro, a súa cidade natal contou cun gran protagonismo, xa que alí tivo lugar, de xeito practicamente íntegro, a rodaxe.
Este acto contou co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que resaltou o valor do audiovisual galego máis vangardista. Así mesmo, lembrou os máis de 115.000 euros en total que destinou a Xunta á realización. Gracia, que recibiu un dos premios Cineuropa 2024, pasou por certames de varios continentes, conseguindo na Seminci o Gran Premio Alquimias por "La Parra", que se estreará en toda España o vindeiro 13 de decembro.