A peregrinación xuvenil da Diócese chega a Santiago tras percorrer o Camiño Inglés

A peregrinación xuvenil da Diócese chega a Santiago tras percorrer o Camiño Inglés
Imaxe de grupo da peregrinación a Santiago con rapaces da Diócese I Cedida

Un grupo de 24 rapaces e seis adultos –entre eles dous seminaristas– completaron esta semana a peregrinación a Santiago de Compostela a través do Camiño Inglés. Partiron o sábado e chegaron o mércores á praza do Obradoiro, seguindo as cinco etapas nas que se adoita dividir o roteiro que parte desde Ferrol. No seu caso, saíron do santuario da Virxe das Angustias, en Esteiro, onde recibiron a preceptiva beizón do peregrino. 


Á súa chegada contaron ademais co apoio do bispo da Diócese, Fernando García Cadiñanos, que oficiou a misa do peregrino no templo e ademais realizou unha ofrenda ao apóstolo.


A excursión foi organizada conxuntamente polas pastorais Xuvenil e de Peregrinacións e Camiño de Santiago e, ademais dun reto persoal, foi tamén unha maneira de “fomentar lazos de unión e confraternidade entre os novos, ademais da interacción e intercambio de experiencias cos adultos que os acompañaron”, explican desde a Diócese. Iso sen esquecer o sentido relixioso do Camiño, “que non é outro que ofrecer ao Apóstolo Santiago o noso sacrificio, sintíndonos apóstolos en misión”.


Esta marcha foi precedida dunha a San Andrés de Teixido que se celebrou en febreiro e que serviu como experiencia para poder acometer unha peregrinación máis ampla.

A peregrinación xuvenil da Diócese chega a Santiago tras percorrer o Camiño Inglés

Te puede interesar