A capital galega acolleu onte a presentación do primeiro encontro na comunidade “Vila do Libro”, que se celebrará en Pontedeume nos días 23, 24 e 25 de agosto. O acto contou a maiores cunha mesa redonda, que tratou sobre os oficios asociados a todo este mundo literario.
Unha serie de territorios de fala catalá foron conformando unha rede que hoxe constitúe o maior circuíto literario a nivel nacional, identificado co nome de “Vila del Llibre y la Xarxa”. Estes precursores tomaron a idea do concepto inglés “booktown”, que identifica a un núcleo poboacional que dá protagonismo ao libro e a todo o imaxinario ao seu redor.
Trátase dun modelo de turismo de calidade consolidado en Europa, ao que este ano se adhire o Concello de Pontedeume, que presentou a súa proposta na Librería Couceiro de Santiago de Compostela coa intención de converterse no xermolo do proxecto “Os Camiños do Libro”. A presentación contou coa participación de Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume e deputado provincial; Alejandra Bellón, concelleira de Cultura, e Enric Bono, promotor da iniciativa catalá.
O alcalde do concello eumés deu conta na libraría compostelá da “satisfacción de que o noso concello sexa a primeira Vila do Libro de Galicia, polo que seremos a capital galega do libro e da lectura no mes de agosto”.
Co título de “Os pequenos relatos móvennos” chega esta primeira edición de “Vila do libro”, que seguindo os pasos dos pioneiros, que van recuperando espazos para convertelos noutros dedicados aos libros, ofrecerán un programa de actividades, co apoio da Deputación e da Xunta, como agradeceu o rexedor local.
“Estamos moi ilusionados con este evento, que nace da vocación que temos por un turismo cultural, sostible e innovador”, engade Bernardo Fernández. O representante do goberno autonómico, Anxo Lorenzo, ma indicou que “desde a Xunta queremos apoiar todas as iniciativas de dinamización do libro e da lectura, como é o caso deste proxecto Vila do Libro de Pontedeume”.
A ilustración en formato collage que identifica esta primeira edición galega no cartel está inspirada particularmente polo patrimonio eumés, en consonancia co desexo que amosou Alejandra Bellón de que “nesta Vila do Libro a xente vexa representada a nosa identidade do tecido asociactivo e cultural de Pontedeume”.
Por outra parte, o fundador Enric Bono destacou “a importancia de poñer en valor todos os oficios que forman parte da cultura do mundo do libro”. Por este motivo, este promotor cultural conversou tras a presentación sobre os oficios vinculados a este obxecto có director de Edicións Embora, Miguel Toval, e o do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, Xoán Pastor.