A Facultade de Humanidades e Documentación acolleu onte o acto de entrega da primeira edición dos Premios Universitarios a Traballos de Fin de Grao e de Máster, ademais de Teses de Doutoramento que se vinculen co eido do emprendemento e se defenderan na Universidade da Coruña nos cursos 2022-2023 e 2023-2024. Trátase dunha proposta enmarcada no convenio de colaboración da Xunta de Galicia coas tres universidades públicas da Comunidade.
Entre as 30 candidaturas presentadas ao concurso, unha está vinculada á área de coñecemento das Artes e as Humanidades, tres á das Ciencias, catro á das Ciencias da Saúde, dez á de Enxeñaría e Arquitectura e doce á das Ciencias Sociais e Xurídicas. Os resultados da avaliación concluíron un total de 11 proxectos galardoados, dos que cinco pertencían á área de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas, outros cinco á de Enxeñaría e Arquitectura e unha á das Ciencias da Saúde.
En definitiva, premiáronse seis Traballos de Fin de Grao –TFG–, tres de Máster–TFM– e dous de Teses de Doutoramento. A temática do certame, a orixinalidade e a relevancia dos resultados obtidos, o impacto do estudo sobre a súa área de coñecemento, así como a súa calidade académica, foron os trazos destacados na acta de resolución que emitiu o xurado.
Os primeiros premios en cada unha das áreas, que tiveron unha dotación de 1.000 euros por persoa fronte os 500 euros das segundas posicións, foron para os TFG de Paula García Horta, nas Ciencias Sociais e Xurídicas; Pedro Redondo Loureiro, en Enxeñaría e Arquitectura, e Mencía Rey Pardo, nas Ciencias da Saúde. En canto aos TFM, gañaron Federico Julián Guerra D’Arcángelo, nas Ciencias Sociais e Xurídicas, e Iván Barrientos Lema, na Enxeñaría e Arquitectura. Para rematar, os postos privilexiados das Teses de Doutoramento tocáronlle a Ángeles María Longarela Ares, nas Ciencias Sociais e Xurídicas, e Harbil Bediaga Bañares, na Enxeñaría e Arquitectura.
A comisión examinadora dos premios estivo presidida por María José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade. Ademais, como vogais exerceron Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Antonio García, profesor da Facultade de Economía e Empresa do Campus da Coruña; Lorena Alonso, técnica da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, e Gonzalo Arias, presidente da delegación coruñesa da Asociación de Séniors Españoles para la Cooperación Técnica. Así mesmo, Estefanía Mourelle, adxunta de Empregabildade da Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade, actuou na avaliación como secretaria.