Os premios Youtubeiras+ teñen o prazo aberto na primeira convocatoria coa categoría de Tiktok

Un dos requisitos é contar coa maior parte dos contidos en galego
Os premios Youtubeiras+ teñen o prazo aberto na primeira convocatoria coa categoría de Tiktok
Encontro das entidades organizadoras | CEDIDA

As sete seccións nas que se pode concorrer este ano aos premios Youtubeiras+ inclúen as canles de Tiktok que realicen contidos en galego. Entre todas elas, repartiranse un total de 7.500 euros para os proxectos gañadores e o prazo de inscrición permanecerá aberto até o venres ás 23.59 horas.


Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a creación de contidos dixitais en galego,  organizada polos servizos de normalización linguística de dez Concellos, entre os que se atopan Ferrol e Narón, ademais das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Deputación.


Neste concurso poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos, que no caso de ser menores de idade, deberán adxuntar unha autorización do titor ou titora legal, con canles autoproducidas, de Youtube ou Tiktok. Estas son dúas das categorías ás que se pode optar, que estarán dotadas con 1250 euros, ademais das de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público, que recibirán 1000 euros cada un deles.


Para este último galardón, calquera persoa poderá presentar suxerencias por medio dun formulario localizado na páxina web youtubeiras.gal, onde tamén se formalizan as inscricións, coa mesma data límite. Dende o día 25 deste mes ao 5 de decembro, habilitarase unha votación de todas as candidaturas recibidas, que se difundirá polas redes sociais do certame.


O xurado que decidirá aos gañadores estará composto por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e galardoado co premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

 

Requisitos

As canles que participen deberán conter a maior parte dos vídeos en galego e contar, como mínimo, cun vídeo subido a partir do 15 de novembro do ano pasado co cancelo #youtubeiras. Do mesmo xeito, as contas non poderán ter restricións de privacidade. Así mesmo, no caso de presentar títulos, descricións ou subtítulos permanentes, estes terán que estar en galego, aínda que os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas. 

Os premios Youtubeiras+ teñen o prazo aberto na primeira convocatoria coa categoría de Tiktok

Te puede interesar