O derradeiro logro colectivo que supón o número 35 da Revista de Pensamento e Cultura FerrolAnálisis deuse a coñecer este mércores na sala Carlos III de Exponav. Este exemplar, que coma sempre focaliza en temas de interese local, conta cun apartado dedicado a Xesús Alonso Montero, que interveu no acto xunto ás responsables.
A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, que edita a publicación, Julia Díaz Sixto, inaugurou a sesión sinalando o longo percorrido da revista, que naceu nos mesmos alicerces da organización, só tres anos despois da súa fundación en 1987. Outro dos datos de relieve que achegou Díaz Sixto foron os 668 autores que colaboraron ao longo da historia de FerrolAnálisis, dos que 164 son mulleres, sen esquecerse doutros profesionais como fotógrafos ou maquetadores.
Esperanza Piñeiro de San Miguel, directora da publicación, deu a remuda comentando as pezas de todos os autores dos oito apartados. Así mesmo, valorou as novas participacións, como é o caso dos artigos de Eva Mazás Arnoso e Patricia López Bellas. Pola banda de Alonso Montero, que elaborou o seu texto descoñecendo que se incluiría nun apartado na súa honra, destacou que “é moi difícil atopar unha revista destas características”.