“Hai que rachar cos tópicos: Ferrol xa existía antes do século XVIII”

Ferrolterra Antiga, adicada á divulgación do patrimonio e historia da comarca, botou a andar como asociación en 2016
“Hai que rachar cos tópicos: Ferrol xa existía antes do século XVIII”
Rubén Labisbal e Antonio Casal son presidente e secretario de Ferrolterra Antiga I D. Alexandre

O que comezara cun grupo en Facebook para publicar información sobre patrimonio comarcal converteuse, logo dunha charla impartida por Fernando Dopico, no xermolo dunha asociación cultural que mantería o nome das redes, Ferrolterra Antiga. Era o ano 2016 e principiaba así a andaina dun proxecto activo e atento á actualidade que, entre outras cousas, vén de organizar a presentación do libro “Antón de Garay”, de Rafael López Loureiro, ou denunciar a falta de conservación dun ben patrimonial único, o dique da Cabana. 


No ánimo dos membros de Ferrolterra Antiga estaba, explica Antonio Casal, o seu secretario, “a necesidade de mostrarlle á xente o patrimonio directamente a través de actividades. Esa primeira charla abordara o Ferrol medieval, aproveitando a celebración da feira. Percibiamos descoñecemento sobre esa época do pasado e intentamos contribuír a corrixilo, na medida das nosas posibilidades, claro”. 


O presidente, Rubén Labisbal, pola súa banda, confirma que “hai moitas cousas que non se saben. A última que fixemos sobre as murallas de Ferrol levou a moitos participantes a decatarse de que hai moito máis na cidade e na comarca que o vencellado ao sector naval e militar. Intentamos rachar cos tópicos: hai Ferrol moito antes do século XVIII”. 

 

“O dique da Cabana é un exemplo clarísimo: restaurouse e, despois diso, non ten ningún mantemento, volve estar cuberto de vexetación...”


Neste punto inciden especialmente os membros de Ferrolterra Antiga. “Este é un dos mitos contra os que loitamos, desde a obxectividade, pero hai máis e, por exemplo, tamén intentamos abordar aspectos menos coñecidos desa época do XVIII e XIX, como os enterramentos, como fixemos cun roteiro organizado coincidindo co Día de Defuntos. É dicir, falar desa historia social, dos costumes...”, expoñen. 


Casal destaca que lles interesa tamén “descentralizar” o foco de atención e, así, teñen organizado  –das primeiras, en 2013– actividades para mostrar a riqueza “castrexa” do termo municipal. “É un patrimonio que temos que reivindicar”, engade.


Cidade, e tamén rural

Ademais da faciana divulgativa, hai en Ferrolterra Antiga un interese reivindicativo. O caso do dique da Cabana é o máis recente, pero hai moitos máis. “Estamos pedindo que se poña en valor o baluarte de Canido, que agora mesmo está comido pola vexetación”, láiase Antonio Casal, quen sinala que “o esencial, o que debería primar na candidatura a Patrimonio da Humanidade é a conservación porque non pode quedarse nun eslogan publicitario. O sentido desta proposta é a preservación; é o primeiro”. “É factible conseguilo”, apunta Labisbal, “porque temos un dos Arsenais do XVIII mellor conservados, non está modificado coma outros, pero primeiro terás que priorizar a conservación para darlle o valor que realmente merece”. 


A aparición de restos nas obras da rúa San Francisco –que rematarían por soterrarse sen ter ningunha certeza o respecto de que podería tratarse– é outro caso. “Foi unha oportunidade perdida”, subliñan, “porque o primeiro que debía facerse era escavalo e logo decidir que facer. Faltou máis interese e máis investigación, e non se fixo, co que perdimos unha oportunidade de coñecer máis sobre o pasado de Ferrol. Temos que convencernos de que o primeiro é preservar o patrimonio, porque é parte do noso legado e da nosa identidade”. 

“Hai que rachar cos tópicos: Ferrol xa existía antes do século XVIII”

Te puede interesar