Rey Varela: “Síntome máis preparado que nunca para ser alcalde de Ferrol”

Rey Varela: “Síntome máis preparado que nunca para ser alcalde de Ferrol”
José Manuel Rey Varela, con el bastón de mando tras tomar posesión I Jorge Meis

José Manuel Rey Varela volve ser alcalde de Ferrol (foino entre 2011 e 2015) e lógrao co fito histórico de conseguir unha segunda maioría absoluta nunha cidade na que os pactos entre distintas forzas eran a norma ata a súa chegada. Outra anomalía no transcorrer da política local ferrolá é o feito de que repita unha mesma persoa, algo que só lograran, tempo atrás, os socialistas Xaime Quintanilla e Manuel Couce. 


Rey Varela, que se iniciou como concelleiro en 2002, no mandato do nacionalista Xaime Bello, é consciente de todo ese caudal que atesoura e manifestouse “fondamente emocionado” e embargado pola responsabilidade logo de que “en tempos tan volubles de ausencia de confianza na política”, os ferroláns lle deran “en catro ocasións consecutivas os maiores niveis de apoio que nunca antes outorgaran a ninguén”.


O seu obxectivo primeiro de lograr a maioría absoluta e así “garantir un goberno estable en Ferrol” está conseguido e, en consecuencia, asegurou que “o alcalde de Ferrol non dependerá de partidos, de pactos en despachos nin de bloques; dependerá só dos ferroláns”. 


Resaltou no seu primeiro discurso o seu proxecto de cidade, construído coa contribución de miles de persoas, que cualificou como “un movemento cidadá de base e integrador”. Con ese apoio e como “un ferrolán máis dunha cidade que vale a pena”, séntese Rey Varela “máis preparado que nunca para ser alcalde de Ferrol”.

 

 

Consenso e diálogo


Ofreceu á oposición consenso e diálogo porque “Ferrol necesita do esforzo de todos para saír adiante”. E aos cidadáns, comunicación. “Serei un alcalde que escoite e un alcalde que estará máis tempo na rúa que no despacho; na rúa e en Santiago e en Madrid defendendo os intereses de Ferrol”.


Tivo palabras para todas as persoas que o guiaron no seu percorrido na política; para as corporacións anteriores e os seus rexedores; e tamén agradeceu o sacrificio da súa familia, con especial mención á súa muller, ao seu fillo, á súa nai ou á súa irmá falecida, esta lembranza “no nome de todos os seres queridos que perdimos e que se converteron en estrelas que alumean o noso camiño”. 


Animou o novo alcalde a colaborar na “tarefa de reinventar Ferrol”, de rebelarse “contra a resignación e repoñer a autoestima colectiva” porque “o futuro depende de todos nós”.


Por diante marcouse tarefas –algunas fixadas en campaña para os primeiros cen días– como a aprobación do orzamento, a reorganización das áreas municipais, a redución do tempo para emitir licencias, a reapertura dos comedores sénior, a creación de novas prazas residencias para maiores, de chan industrial, o arranxo de rúas e zona rural, de instalacións deportivas ou as políticas de igualdade e inclusión social. “Quero que a miña cidade sexa o mellor lugar para vivir”.

 

 

Goberno decidido


Rey Varela proclamouse alcalde ás 12.55, logo de cumprir un ritual que admite poucas variacións. Unha delas foi a de que todos os concelleiros entraran no salón ao tempo que un cuarteto do Toxos e Froles intrepretaba a Marcha do Antigo Reino de Galicia (logo pecharon o acto co Himno Galego).


A mesa de idade conformárona José Antonio Ponte Far, como veterano, e Blanca García Olivares, como a máis nova. Logo os edís prometeron ou xuraron o seu cargo, maioritariamente en galego. Ferrol en Común e BNG engadiron a fórmula do “imperativo legal” e no caso dos nacionalistas sumáronlle palabras propias de compromiso co pobo galego e cos ferroláns. 


Rey Varela comunicará hoxe domingo aos seus concelleiros como será a composición do goberno e prevé facelo público o luns, coa finalidade de “non perder nin un minuto”. O seu primeiro acto oficial foi a asistencia, na tarde de onte, ao aniversario do Toxos e Froles no Jofre. Hoxe mesmo ten na súa axenda visitas a Policía Local, Bombeiros e Protección Civil.

 

 

media ducia de caras novas séntanse no salón de plenos
 

A nova corporación de Ferrol conta con pouca renovación respecto á anterior. Os cabezas de lista fórono xa nas eleccións de hai catro anos, así que se volve contar con tres alcaldes. Renóvanse outros postos, con media ducia de caras novas na praza de Armas. No caso do PP entran Blanca García, Patricia Cons, José Antonio Ponte e María del Carmen Pieltain. No PSOE incorpórase Montserrat Dopico. En Ferrol en Común entra Nerea P. Carballeira. No caso do BNG súmase Roberto Montero, pero xa fora concelleiro en corporacións anteriores.

Rey Varela: “Síntome máis preparado que nunca para ser alcalde de Ferrol”

Te puede interesar