A de Roger de Flor é a traxectoria artística que se constrúe sen présas, afastada das modas de cada momento e co traballo como viga mestra. O talento xa o tiña de serie, pero a fe no camiño que quería percorrer é a chave das noces dunha carreira musical que cumpre a maioría de idade co nome co que o coñecen nos escenarios desde mediados da década dos 2000. Hoxe á medianoite actúa na sala La Room co violinista venezolano Pedro Montilla, un dos colaboradores premium que o veñen acompañando nesta viaxe tan vizosa.
Vén de remasterizar dezaoito anos de carreira como Roger de Flor. Como foi ese proceso?
Foi un pracer poder axudar ao meu “eu” do pasado a que esas cancións soaran mellor. Naquel momento, en 2006-2007, eu estaba comezando. A medida que pasan os anos vas aprendendo tanto na faceta da interpretación como, sobre todo, na produción, e penso que estas gravacións tiñan nese sentido algunha carencia que hoxe en día, coas tecnoloxías e a experiencia, se podían subsanar. Apetecíame que eses traballos quedaran aí o mellor posible. Foi un proceso no que eu axudei a aquel rapaz a que soase mellor, a que esas cancións luciran máis sen desvirtuar a súa esencia e a súa instrumentación. Non fixen cousas raras; só retoques de produción que axudan a que as cancións entren mellor polo oído.
Onde se pode acceder a ese repertorio renovado?
As cancións xa se poden escoitar na miña canle de Youtube (“vídeos Roger de Flor”) ou ben en Spotify e outras plataformas como Bandcamp ou iTunes, entre outras.
Cando bota a vista atrás, que valoración fai? Son moitos traballos, moitas iniciativas e moitas colaboracións...
Cando facía estes traballos era como unha relación de amor que pasaba ao odio porque, cando vas medrando, vés máis as limitacións ou imperfeccións que podían ter. Era algo un pouco autodestrutivo comigo mesmo nese sentido; sen embargo, agora, coa perspectiva que dá o tempo e despois de completar este proceso de achegarme con moito respecto e cariño a eses traballos, a ese rapaz que fun, a sensación que teño é de orgullo, sen querer ser pretencioso e sendo consciente de todo o esforzo que supuxo sacar adiante eses traballos, sen grandes axudas, á marxe da industria, pero contando sempre, por fortuna, coa colaboración de moitísimos grandes músicos. Aí fun moi afortunado: nos meus discos sempre hai uns musicazos que se prestaron con xenerosidade e con todo o seu talento, e coido que se nota no resultado. A maioría das cancións resisten ben o paso do tempo e hai unha identidade artística aí que pervive. E iso, para min, é un motivo de orgullo.
É un músico inquieto, que busca sempre novas inspiracións e camiños diferentes. En que estilo está máis cómodo? Cal é o que máis lle gusta?
O estilo que me define é o pop, que, dalgún xeito, abrangue todo, incluído o swing, o rock, a bossa nova, o jazz ou o folk... É dicir, todos os xéneros que, en maior ou menor medida, fun tocando. Pero o que unifica todo é a música pop. Son un trobador popular do século XXI.
Como foron os seus comezos e en que momento decide deixar de formar parte dunha banda para iniciar a súa propipa carreira en solitario?
Antes de ser Roger de Flor estivera nun par de grupos de rock e tamén facía acústicos baixo outros pseudónimos de cancións de artistas ou grupos que me influenciaron nese primeiro momento. Todo iso compaxinado con traballos de toda índole para poder comer. Houbo tamén algún verán en que toquei nalgunha orquestra de verbena, para sobrevivir. Pero, ben, todas estas experiencias leváronme a ter a inquedanza de escribir as miñas propias historias, as miñas cancións. Sempre tiven certa facilidade para a creación de melodías na miña cabeza e aí xuntáronse as dúas cousas: dunha banda, a parte musical e, da outra, a lírica e as historias que contar. Sentín entón a inquedanza de compartilas, fixen un curso de gravación e en 2006 xurdiu a primeira maqueta.
Que artista é imprescindible para vostede?
Hai moitísimos imprescindibles, pero así de primeiras ocórrenseme os Beatles, por suposto, os Kinks, Joao Gilberto, Charles Chaplin –que facía música nas súas películas–, William Blake, Shakespeare, Rosalía de Castro, Castelao... Non son nada orixinal nisto, como podes comprobar.
Prefire compoñer ou actuar?
A composición, cando estás inspirado, é marabillosa, é unha experiencia incrible traer algo ao mundo que non estaba aí, nada máis que na túa cabeza. Pero cando non estás inspirado, pode converterse nunha tortura, por iso traballo moito desde esa inspiración, esa necesidade de que algo queira saír para fóra. Non son deses aos que a inspiración lles chega traballando; simplemente cando aparece procuro agarrala e que saia adiante. Ultimamente estou máis centrado nos directos, que é unha cousa que gozo moitísimo. Sempre desfrutei del e agora, coa seguridade que che dan os anos, a verdade é que os gozo máis.
Agora ten un espectáculo con Pedro Montilla. Como chegaron a confluír neste proxecto?
A Pedro coñecino dun xeito casual, como soen pasar esas cousas na vida, a través dun amigo e compatriota seu. Cando veu, quedou na miña casa. El é director de orquestra e violinista e ao principio non tiña traballo. Aínda que eu son doutro rexistro, pop, e el vén da música clásica, propúxenlle, mentres non atopaba nada, acompañarme nos concertos, díxome que si e aí comezou todo. Pasados un par de anos segue acompañándome: el ten outros proxectos, eu tamén, pero no directo creo que facemos un bo equipo. Gozámolo e o público tamén porque se ve que desfrutas tanto nun escenario contáxiase desa ledicia.