Arredor dun cento de persoas secundaron na mañá de onte a Ruada pola Lingua que, organizada pola plataforma Queremos Galego, supuxo o último acto antes da gran manifestación que prepara para o vindeiro domingo, 23 de febreiro, en Santiago de Compostela. A marcha percorreu varias rúas do centro da cidade trala saída da praza do Cruceiro de Canido e tivo o seu final no palco da música.
Alí, o portavoz comarcal da plataforma, Pepe Cunha, aludiu ao eslogan da mobilización e asegurou que é desexo de milleiros de galegos e galegas “mudar este rumbo”. Nesa liña, lamentou que o funcionariado “non teña que saber galego, que a lei de Intelixencia Artificial non o inclúa, que o castelán entre cada vez máis na Crtvg, que non se apoie a súa oficialidade na UE e que non se reactive o Plan Xeral de Normalización Lingüística”, aprobado por unanimidade, lembrou, no ano 2004, cando gobernaba o Partido Popular de Manuel Fraga.
Cunha referiuse tamén aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística e do Consello da Cultura Galega, que constatan unha realidade “alarmante” no que respecta “á diminución constante no coñecemento do uso da lingua”. “A rapazada galega”, engadiu, “é a que peor competencia ten entre as que gozan de linguas cooficiais no Estado español”.
“A lingua propia é un patrimonio a coidar e potenciar”, asegurou o portavoz de Queremos Galego, “e tamén un dereito das persoas que deciden vivir na lingua propia do seu país dentro do Estado”. Por iso, considera “a falta de presenza e o descoñecemento do galego unha lousa coa que vivimos cada día no ensino, a cultura, o lecer, a administración, os servizos públicos, a sanidade e a xustiza”. Neste contexto, e cunha situación que cualifica como “grave”, Pepe Cunha manifestou que “se pode reverter co esforzo, o agarimo e o compromiso de todos e todas”.
Para iso, cómpre tomar unha serie de medidas. A primeira, “a derrogación do decreto 79/2010 fracasado, o do plurilingüísmo, que só significou que baixasen os niveis de docencia en galego”. Por contra, reclaman “un novo decreto que asegura os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas e garanta a oferta de materiais didácticos en todas as etapas do ensino”.
Ademais, Queremos Galego considera que seguen vixentes “os obxectivos do citado Plan Xeral de Normalización Lingüística, aquel grande acordo nacional” que, sostén, “debe ser reactivado como unha nova política a favor do noso idioma e da súa normalización”.
Así, Cunha explicou tamén que hai “outros acordos cos que cumprir” antes de enumerar a Lei de uso do galego polas entidades locais, a Lei Paz Andrade, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas.
Outras dúas medidas que propón Queremos Galego para mudar a situación son a elaboración por parte da Xunta, o Goberno central, entidades locais e asociacións, dun calendario de acción para o período 2024-2027 e que, ademais, contemple a avaliación dos resultados das medidas unha vez aplicadas e as correccións precisas”.