A segunda das cinco xornadas coas que Medulio e Ferrolterra Antiga conmemoran o bicentenario do nacemento de Benito Vicetto reunirá hoxe –19.30 horas– no antigo Hospicio a Manuela Santalla e Rubén Labisbal, que falarán, respectivamente, das idades contemporánea e moderna na “Historia de Galicia” do polifacético ferrolán.
Que destacaría desa parte da súa "Historia de Galicia"?
Cinguinme ao período que vai do 1480, coa doma e castración do Reino de Galiza, até a chegada das tropas francesas, as Cortes de Cádiz e a ruptura co Antigo Réxime. Vicetto ordena todo a través de dinastías –Trastámara, Austrias, Borbóns– e o que se ve moi ben aí é como este autor, e é algo co que quedei gratamente sorprendido, quere centrarse no Reino de Galiza. Do seu obxecto de estudo quedan fóra todas as cuestións superfluas de reinados e batallas. Chamoume moito atención como ve que hai unha autonomía galega –esa independencia da Xunta do Reino de Galicia–, cunha clase dirixente no XVII que é quen de reclamar o voto para Galiza, todo ben apuntado respecto aos temas políticos, moi ben referenciado. Falarei tamén dos ollos desde os que está a ver el ese periodo. Vicetto é un liberal progresista, moi anticlerical, mais tamén é certo que coa nobreza non foi así, pois ve que hai esta tendencia no XVII e que moitos fidalgos no XVIII estaban en contra de certa política dos foros que querían os mosteiros. Ademais, unha figura da dimensión de Vicetto non se pode limitar á súa visión da Historia, senón da súa filosofía vital, esa idea de deus que tiña e que o meteu en moitos problemas, cun conflito enorme co Bispado de Mondoñedo, que chegou a censurarlle a obra.
A sensación para os simples afeccionados é que, sendo máis ou menos coetáneas, a obra de Murguía envelleceu mellor. Veo así?
Antes de nada, hai que ter en conta que a obra de Murguía, se mal non me lembro, non chega a pasar da Idade Antiga. O outro día díxoo Antonio Casal: nese senso Vicetto era aínda un chisco “arcaico” porque mira cara a figuras míticas sobre a orixe dos celtas. Aí dá ese relato. Pero a respecto da obra no seu conxunto, lelo non desmerece nada. Ten imprecisións, si, e aspectos que hoxe en día sabemos que non eran así, pero Vicetto emprega fontes coetáneas. Eu discrepo: coido que envelleceu ben e ten, digamos, un estilo e unha fluidez á hora de escribir que non vou dicir que hoxe podería construírse ao 100% a historia moderna con esta obra de Vicetto, pero desde logo non desmerece nada, e mesmo toca aspectos que hoxe en día seguen a ser moi referenciados na historiografía moderna.
Sufriu o silenciamento por parte do mundo académico desde o último terzo do XX?
Coido que esa situación xa vén dos seus tempos. Falamos de Pondal e desa idea do bardo galego, pero Vicetto tamén ten esa idea mesiánica del mesmo: está escribindo unha Historia para que nos deamos de conta de que os galegos temos que sentir fachenda do que somos. Murguía, cando o encasillou como precursor, deixouno nun lado e máis adiante, cos cambios na historiografía, mantívose nas marxes. Certo é que hai aspectos da Antigüidade dos que dubido que se poida sacar algo, aínda que si intuír. Vicetto tiña moi boa intuición e, aínda que empregue recursos literarios, sempre vai bastante atinado. Cando eu estudaba na universidade dicíannos que non se podía escribir historia medieval con Vicetto, que xa pasaramos esa fase. Non sei no caso medieval, pero polo que estou vendo coa súa historia moderna, e aínda que hoxe se afina moito máis, non creo que se poida dicir que Vicetto é un autor que desmereza. En todo caso, haberá que lelo, mesmo desde o punto de vista de que se trata dunha lectura moi amena porque tiña unha gran formación xornalística, co que a súa “Historia de Galicia” é dunha valía enorme. Quedou marxinado por ese conflito que tivera con Murguía e hoxe moitas veces –e non só a Vicetto, senón a moitos do XIX–, prefírese criticalos en lugar de lelos e analizalos. E non debería ser así porque hai aspectos que seguen vixentes.