As iniciativas que perduran son as que nacen da base e en San Sadurniño esa fórmula se aplica, ente outros eidos, ao Chanfaina Lab, a cita audiovisual que onte puxo o ramo á oitava edición coa proxección das trinta curtas que se gravaron no concello na primeira fin de semana de setembro. A celebración contou, como é habitual, cos veciños e veciñas que, como cada ano, colaboran cos equipos que converten o municipio nun gran escenario cinematográfico.
Foron, en total, arredor de catro horas de cinema, entre as intervencións e a exhibición das pezas nun evento que non ten nada de competitivo e no que, todos por igual, reciben unha “Lola Chanfaneira”. Moitos destes traballos comezarán a circular por festivais diversos.
Nun acto conducido pola actriz Isabel Risco e a concelleira de Cultura Araceli Bellas, o alcalde, Secundino García, aproveitou para pór en valor o traballo de Manolo González e Carmen Suárez polo éxito desta oitava edición e por ter posto en marcha un proxecto “que nos permitiu coñecer a grande creatividade que hai neste país. É unha honra que veña xente a San Sadurniño para poder ver como eles nos ven coa súa cámara, e é tamén unha honra ver como se implica a xente de San Sadurniño para darnos a súa visión do concello”.
Coas pezas estreadas onte, o arquivo do Chanfaina Lab ten desde 2014 máis de 190 curtametraxes, o que fai de San Sadurniño o concello “cunha maior produción audiovisual per cápita do mundo”, anunciou nunha das súas intervencións a presentadora, Isabel Risco.
As persoas que non puideron asistir ao acto –a Casa da Cultura volveu quedar pequena– poderán comezar a velas a partir do vindeiro venres na canle de Youtube dedicada ao Chanfaina Lab, un evento que este ano volveu contar co patrocinio da Deputación da Coruña.