O sector pesqueiro galego denunciou a semana pasada en Bruxelas o “ataque” que supón para a súa supervivencia e para a preservación dos ecosistemas o desenvolvemento dos proxectos de eólica mariña fronte as costas do noroeste peninsular. A falta de participación e de información é un dos argumentos que esgrimen os profesionais da pesca e do marisqueo que formaron parte da delegación coa que o Bloque Nacionalista Galego, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, participou na conferencia “Sobre a eólica mariña: cara a un novo fracaso ambiental?”, coorganizada co seu homólogo do Partido Popular Europeo, o francés François -Xavier Bellamy.
A preocupación pola afectación que pode ter esta industria incipiente nunha actividade primaria como a pesca non é exclusiva dos profesionais galegos. Noutras áreas de Europa –o Mar do Norte é o caso máis significativo– o conflito está servido e activo. As intervencións de profesionais da pesca franceses ou suecos, en cuxos mares –e caladoiros– xa hai polígonos funcionando, demostran que a “convivencia” que, no caso español, invocan os Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM), aínda está pouco madurada. “Son proxectos devastadores que atentan contra a nosa economía”, explicaba na conferencia Christophe Sueur, alcalde de Saint-Pierre d´Oléron. Para os pescadores agrupados na holandesa Eendracht Maakt Kracht (EMK, é dicir, “a unión fai a forza”), a proliferación dos polígonos eólicos no mar “ten consecuencias catastróficas. A convivencia non existe”, comentaba Job Schott, que incidía en que “nós o que queremos é continuar coa nosa vida tradicional”. Tamén moi crítica con este tipo de industria foi Madeleine Staaf Kura, representante da SPFO sueca. “É un problema que temos en toda Europa”, sinalou antes de explicar que, aínda que “estamos dispostos a dialogar, é moi díficil obter información e non hai un equilibrio nos intereses do mar”.
Pescadores franceses, suecos e alemáns relataron a súa experiencia
O caso máis próximo é o portugués. Na delegación estaba o voceiro da Federaçao dos Sindicatos da Pesca, Nuno Teixeira, “En Viana do Castelo temos un parque”, explicou, “e o peixe de-sapareceu da zona do cable que evacua a enerxía a terra”. O profesional luso preguntouse, ademais, se “vale máis a eólica no mar que un barco a pescar para alimentar unha comunidade”. Nesa liña, cuestionou que “estudos de viabilidade” para proxectos no norte de Europa poidan extrapolarse á plataforma continental do atlántico e cantábrico peninsulares, “moito máis estreitas” e, polo tanto, con menos espazo para non afectar aos caladoiros. “Se todo isto vai para adiante, teremos enerxía para cociñar, pero non peixe para cociñar”, defendeu.
Nuno Teixeira: “Estamos a favor da eólica, mais non deste xeito”
A realidade do sector –non só pesqueiro, senón tamén alimentario– é semellante en Galicia e Portugal. “O meu país”, sinalou Teixeira, “merca o 70% do peixe que consome, ao tempo que reduciu en máis dun 60% a súa flota pesqueira”. “Estamos a favor da eólica, mais non así”, finalizou.
O sector láiase da falta de información e de participación. É unha crítica xeralizada ante a que os axentes favorables ao desenvolvemento urxente deste tipo de enerxía respostan coa necesidade de “reducir os efectos do cambio climático”. Así se pronunciou Felix Leinemann, xefe de unidade da Dirección Xeral de Asuntos Pesqueiros e Marítimos da Unión Europea. “Esta loita”, asegurou, “require saír dos combustibles fósiles” e nesa “alternativa” a eólica mariña xogaría, dixo, “un papel importante”.
“Temos un novo usuario do mar”, anunciou, “pero aínda estamos nun período de consultas” que necesariamente, continuou, debe xerar un debate que concrete “como coexistir nesa transición enerxética que precisamos”.
Nesa liña expresouse tamén Pierre Tardieu, da asociación WindEurope. “A eólica mariña vai ser necesaria para loitar contra o cambio climático”, sinalou antes de remitir ao número de empregos que xera esta industria en Europa –130.000, dixo–. Con todo, recoñeceu que debe haber “máis coñecemento sobre o seu impacto” no sector e os ecosistemas.
Precisamente neste punto incidiu o sector pesqueiro, que invoca do principio de “precaución” que figura no Tratado de Funcionamento da Unión Europea. Trátase dunha ferramenta de xestión do risco á que pode recorrerse en caso de incertidume científica sobre unha sospeita de risco para a saúde ou o medio ambiente que se derive dunha política determinada. Hai indicios –cando non evidencias, como sostén o sector– de que pode ser así, polo que xa anuncia que “non imos quedar de brazos cruzados”.
Un dos paneis nos que se dividiu a conferencia foi de carácter científico. Nel, o profesor Josep Lloret, da Universitat de Girona, asegurou que “esperamos un impacto negativo nas pesqueiras”. Dese xeito, lembrou que existen diferenzas substanciais entre as características da plataforma continental do Mar do Norte e a que bordea a Península Ibérica. “As primeiras son amplas e as segundas, moito máis estreitas”, explicou. Ademais, a heteroxeneidade dos hábitats mariños é moito maior aquí ca no norte de Europa. “É pertinente”, dixo, “invocar o principio de prudencia e precaución mentres non se adquira máis coñecemento”, por exemplo, sobre a tecnoloxía das “turbinas flotantes” e das infraestruturas asociadas.
A portuguesa Alves-Pereira (Universidade Lusófona) reclamou máis estudos sobre os efectos da “produción infrasónica das turbinas”e Jakubowska-Lehrmann, do Instituto Nacional de Investigación de Pesca Mariña de Gydnia (Polonia), engadiu que cómpren máis traballos sobre os cambios nos campos magnéticos. Por último, Corinna Schrum, da Universidade de Hamburgo, insistiu en que a extracción de enerxía “modifica o medio ambiente, e isto inclúe a atmosfera, as correntes ou a velocidade do vento”.
Torcuato Teixeira
Plataforma en Defensa da Pesca
“A loita contra o cambio climático non pode pór en perigo os ecosistemas”
O avogado Torcuato Teixeira considera a eólica mariña “unha invasión especulativa dos nosos mares para facer negocio”. “Os pescadores”, asegurou, “non se opoñen ás enerxías renovables, pero non podemos desenvolver un modelo que aposte por industrializar os nosos mares con macropolígonos, sacrificando os ecosistemas mariños e o sector pesqueiro”, argumentou.
Basilio Otero
Federación Española de Confrarías
“Estamos en contra de que a eólica mariña elimine empregos”
“Nós non estamos en contra da eólica mariña, senón de que a eólica mariña nos saque postos de traballo”, apuntou o presidente da Federación Española de Confrarías. Criticou, ademais, que o sector non fose consultado para o desenvolvemento dos POEM e alertou do incremento continuado das importacións de peixe, consecuencia da “destrución do sector”.
Francisco Javier Costa
Patrón Maior de Cangas
“Loitaremos para seguir vivindo dignamente da pesca artesanal”
“Son da cuarta xeración de pescadores da familia”, lembrou Francisco Javier Costa, patrón maior de Cangas. Destacou que “facturamos 4,5 millóns ao ano e non imos permitir que veña a eólica mariña destruír o noso medio de vida. Galicia xa exporta enerxía abondo e nós imos loitar para vivir dignamente da pesca artesanal, como viviron os nosos avós”.
Rubén Adrover
Patrón Maior de A Guarda
“Nunca se nos consulta nada; sentímonos totalmente esquecidos”
Rubén Adrover, patrón maior da Guarda, considera “fundamental que teñamos voz” ante un problema que “debemos solucionar, porque nestas circunstancias que se están a dar non é compatible a eólica mariña coa pesca”. Nesa liña, asegurou que “o sector da eólica nunca nos consultou” e subliñou que “nos sentimos esquecidos polos gobernos.
Magdalena López
MARISCADORA DE CEDEIRA
“Loitamos moito para ter unha reserva mariña e non a queremos perder”
Magdalena López, presidenta das mariscadoras a pé da Confraría de Cedeira, manifestou a súa “preocupación” polo desenvolvemento dunha industria que “pode afectar aos nosos recursos marisqueiros”. “Vivimos do mar 17 persoas con familia, estamos nunha reserva mariña pola que loitamos moito para ter un produto sostible e de calidade, e defenderémola”, dixo.