O Campus Industrial de Ferrol recibe hoxe martes, entre as 9.30 e as 19.30 horas, a máis de 600 estudantes de Bacharelato e de FP Superior na IV Xornada de Portas Abertas. A iniciativa divídese en dúas quendas: a de mañá, dirixida aos centros educativos, e de tarde, a partir das 16.30, pensada para un público máis familiar.
En horario matutino, os visitantes procederán dos IES da comarca Sofía Casanova, Concepción Arenal, de Canido, Carvalho Calero, Saturnino Montojo, As Telleiras, Terra de Trasancos e de Mugardos. Ademais, tamén están inscritos o Manuel Murguía de Arteixo e o Eduardo Pondal de Ponteceso.
As persoas anotadas, entre as que tamén se admitía ao público xeral, poderán achegarse á oferta formativa do Campus por medio de tres itinerarios. En primeiro lugar, aqueles que se interesen pola ruta de Ciencias da Saúde visitarán a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, onde se imparten os graus nestas dúas especialidades.
No caso de escoller a opción de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades, os participantes entrarán na Facultade de Humanidades e Documentación, que dispón dos graos en Xestión Dixital de Información e Documentación, así como Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais, estes dous últimos co requerimento da acreditación de nivel B1 de inglés. Así mesmo, o percorrido pasará pola Facultade de Ciencias do Traballo, un centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
O itinerario de Enxeñaría dará a coñecer ao alumnado inscrito a Escola Universitaria de Deseño Industrial –EUDI–, que ofrece o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Ademais, o grupo tamén se achegará á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF–, cos graos en Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Naval Oceánica, Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o programa de simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica. Este centro tamén se distingue por ofertar o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia, en Enxeñaría Eléctrica, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial.
Por primeira vez nunha Xornada de Portas Abertas do Campus, a sala de exposicións do Centro Cultural Universitario acollerá unha zona de mesas informativas, onde se poderán coñecer distintos servizos da UDC. Tamén se descubrirá o traballo das asociacións estudantís como a Delegación de Estudantes da EPEF e as bibliotecas do Patín e Ángela Ruíz Robles.