A vía rápida do cancro de endometrio coa que conta a Área Sanitaria de Ferrol atendeu a un total de 288 mulleres durante o pasado 2024. Esta foi a última vía rápida en se incorporar a esta Área, en outubro de 2022 pasado, e o obxectivo é a detección e a avaliaicón das mulleres con metrorraxia ou sangrado postemenopáusico da Área para un diagnóstico precoz do cancro de endometrio.
Este tipo de cancro é a cuarta neoplasia máis frecuente na muller e a primeira entre os cancros xinecolóxicos. O 85% dos casos prodúcense en mulleres postmenopáusicas, como indican. Non existen probas de cribado previo, semellantes as que hai para o cancro de colo de útero, para un diagnóstico preventivo, pero a maioría das mulleres con cancro de endometrio presentan sangrados vaxinais neste período, por iso eses sangrados son un indicador e teñen que ser valorados.
Polo tanto, a mellor estratexia de detección precoz é aconsellar ás mulleres menopáusicas (máis dun ano sen mestruación) consulten ó seu profesional sanitario ante calquera sangrado xenital.
Con todo, matizan desde o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUF “A maioría dos sangrados non vai ser un cancro de endometrio, normalmente serán pólipos ou atrofia, por exemplo, xa que só entre o 7 e o 19% deses sangrados suporá unha lesión canceríxena”. Porén, indican, a vía rápida servirá para detectalos.
Deste xeito, a vía rápida activada agora na Área Sanitaria de Ferrol busca esas lesións entre os casos de sangrados postmenopáusicos, e mellora a accesibilidade e a coordinación asistencial, organiza ese diagnóstico precoz, e serve para diminuír a angustia das mulleres con metrorraxia na postmenopausia. Os protocolos que incorporan a valoración do endometrio mediante ecografía transvaxinal, como é o caso, permiten reducir de xeito significativo o uso de probas máis invasivas como as biopsias, as histeroscopias ou os legrados.
Precisamente, partindo destas premisas, o persoal sanitario, facultativo ou matrona, poderá realizar unha petición da vía rápida para a paciente con sospeita. Dende o centro hospitalario, citarase a esas mulleres na consulta de alta resolución preferente que existe para isto, no que se realiza una avaliación, exploración e ecografía, ademais dunha biopsia, no caso especifico de que se valore necesario. Estas biopsias continúan tamén no circuíto rápido para o Laboratorio de Anatomía Patolóxica.
Tralo diagnóstico, no caso de mulleres con cancro ou con hiperplasia atípica de endometrio, incluiranse no comité de tumores xinecolóxicos para continuar a abordaxe da patoloxía. O cancro de endometrio, remarcan dende Xinecoloxía, a maior parte das veces ten unha solución, e normalmente resólvese con cirurxía. No caso de mulleres sen patoloxía ou con patoloxía benigna, encauzaranse segundo as necesidades individuais de cada caso.
As vías rápidas son circuítos asistenciais que teñen a finalidade de que o tempo que transcorra entre o diagnóstico de sospeita e a primeira valoración especializada sexa o mínimo posible. A clave destas vías rápidas é a coordinación e o traballo en equipos multidisciplinares dos profesionais desta Área Sanitaria implicados nestas patoloxías. Trátase de establecer criterios organizativos e estándares de atención, crear comisións de tumores, e desenvolver protocolos específicos, como os que xa existen dende hai anos nesta área médica.
Por estas vías conséguense melloras no que respecta ós tempos de resposta e evítase a duplicidade de probas ou actividades redundantes.
“O obxectivo actual é mellora-la calidade de vida das e dos pacientes que sufran esta patoloxía, e incrementar a súa supervivencia”, subliñan.
Grazas a este programa, cando un médico do centro de saúde, dunha consulta especializada, ou de urxencias sospeita dun posible cancro, pode contactar con esta vía de acceso directo co especialista hospitalario máis axeitado, xerando unha cita na consulta específica, onde será valorado e se pedirán as probas oportunas. Posteriormente, eses casos preséntanse de xeito común nos comités que se reúnen semanalmente, activan sistemática común e establecen un plan terapéutico.