Vicente Araguas: “Amadeo de Saboya foi un auténtico demócrata, que ben puido ser presidente da Primeira República”

Vicente Araguas: “Amadeo de Saboya foi un auténtico demócrata, que ben puido ser presidente da Primeira República”
Vicente Araguas reivindica na súa nova obra a figura de Amadeo de Saboya | p.c.

Abandonou a súa Italia natal logo de aceptar a chamada das Cortes e do xeneral Prim para rexer un país, España, sen goberno desde a deposición de Isabel II. Mais ese país non lle deu abrigo ningún. O seu foi un reinado efímero, apenas dous anos (entre 1871 e 1873) que rematou coa súa abdicación logo de continuos desprezos e indiferencias.
 

O escritor Vicente Araguas (Neda, 1950) converte a Amadeo de Saboya no eixo central da que é a súa primera novela en castelán, “Viaje al país de la luna (Amadeo I)”, publicada por Sial Pigmalión. Reivindica así o autor nedés a figura dun home que foi “un auténtico demócrata, un home galante, que sempre me fascinou, que ben puido ser presidente da Primeira República española pero que acabou farto e marchou despois de dous anos nun país dificilmente gobernable”, salienta.
 

A súa nova novela, “a primeira sobre Amadeo de Saboya desde a de Benito Pérez Galdós”, apunta, “é a viaxe alucinante” que o protagonista fai entre Madrid e Lisboa trala súa abdicación, para desde alí regresar a Turín. Son catorce horas de viaxe na que vai desgranando os seus pensamentos políticos, históricos e mesmo eróticos intercalados cos monólogos doutros personaxes que tiveron un papel importante durante o seu reinado, como Adela Larra (a súa primeira amante e mantora española), María Victoria del Pozzo (a súa esposa), Fernández  de los Ríos, Ruiz Zorrilla ou Pío Nono. Amadeo de Saboya, que no verán do 73 estivo en Ferrol, “onde foi francamente ignorado”, é un personaxe, lamenta Araguas, “moi ninguneado”.
 

Só dúas rúas en toda España, explica, recordan a súa figura. Unha está en Valencia, a outra en Terrassa (Barcelona). “Curiosamente non hai nada que o recorde. Foi como se non existira na historia de España”, di Araguas, quen enxalza con determinación o protagonista dunha obra na que o autor utiliza a historia “non como fin, senón como medio”. Con esta novela de 200 páxinas recén saída do forno, está xa a piques de chegar ás librarías outro traballo do prolífico escritor, un libro de contos en galego publicado por Galaxia (“O lugar onde vou”).

Vicente Araguas: “Amadeo de Saboya foi un auténtico demócrata, que ben puido ser presidente da Primeira República”

Te puede interesar