Vicente Araguas: “Da mocidade boto de menos pouca cousa; se cadra o descaro, pero na lírica tamén o hai”

Presenta mañá xoves "Ronsel de prata vella" na Central Librera de Dolores
Vicente Araguas: “Da mocidade boto de menos pouca cousa; se cadra o descaro, pero na lírica tamén o hai”
Araguas, o pasado luns na rúa Dolores I D. Alexandre

Vicente Araguas –Xuvia, Neda, 1950– presenta este xoves, a partir das 19.30 horas na Central Librera da rúa Dolores, o seu último poemario, “Ronsel de prata vella” (editorial Juglar), acompañado por Karlotti e por Carlos Neira. Nel, o escritor nedés plasma a súa particular, pero sistemática, interpretación da 4ª Sinfonía de Brahms e, tamén, un momento vital óptimo.

 

Está a vivir o seu mellor momento creativo? 
Estou nun bo momento vital, nun bo momento sentimental e nun bo momento profesional. O único malo é que o tempo vai pasando e que, como dicía o outro, o malo que ten a vellez é que dura pouco. Neste momento no que estou –vou cumprir 74 anos– ves xa que a famosa folla vermella aquela de Delibes está máis próxima. Pero si, coido que poeticamente estou nun momento moi maduro, moi creativo. Síntome ben e iso é moi importante porque, aínda que tamén fago poesía de coñecemento –escribimos para nos coñecer, para nos descubrir e para nos proxectar–, a miña é poesía de experiencia. 


E neste bo momento en que está, hai algo do Vicente Araguas de hai cincuenta anos que bote de menos agora? 
Eu comecei forte, cun libro que se chamaba “Paisaxe de Glasgow”, e mesmo coa canción, que en Voces Ceibes era canción política, pero tamén as facía de amor. Creo que a miña mellor canción é de amor, “Poema triste”, que, por certo, levou un tempo Xoán Rubia no seu repertorio. Daquela, “Paisaxe de Glasgow” foi un libro de ruptura con aquela poesía social. Quero dicir que eu sempre fun bastante por libre, as cousas como son, mesmo nesta cidade, vindo da clase social da que veño, fun bastante rupturista. Porén, da mocidade boto de menos pouca cousa, sinceramente. O descaro,  se cadra, pero tamén é certo que ao estar escribindo poesía lírica, estaste espindo todo o tempo e naturalmente hai descaro aí. Se cadra o vangardismo, algún experimentalismo que facía daquela que agora non fago...

 

E a faciana máis social? 
Non a esquezo, non. Eu son unha persoa, e quero seguir séndoo, comprometida co meu tempo e niso sigo. O que pasa é que a miña poesía é moi íntima, moito, como neste libro... Xa sabemos aquilo de que se non hai ética non hai estética.

 

Que achega este poemario á súa traxectoria poética? Son composicións recentes ou hai textos máis vellos que decidiu revisar?
É un libro novo, xemelgo outro que saíu en castelán, “Que voy de vuelo”. Antes, a miña poesía era moitísimo máis pop, máis folk; agora é moito máis clásica, pero non só porque en “Que voy de vuelo” traballo o verso alexandrino e con influencia de San Juan de la Cruz, senón que este está escrito a partir da 4ª Sinfonía de Brahms, que a fun seguindo relixiosamente para cada unha das catro partes que compoñen este “Ronsel de prata vella”.

 

A métrica? 
Funme axeitando cada vez máis á métrica clásica. En “Que voy de vuelo” é absolutamente alexandrino e aquí, nas catro secuencias, combino a poesía coa prosa. A poesía ten que ter misterio.

 

Que lle parece a elección da Academia para o Día das Letras de 2025? 
Paréceme marabilloso. Hai candidatos potentes e penso que estaría moi ben que llo deran a Ramiro Fonte, a Labarta Pose, a Crecente Vega, a Fernando Esquío... Eu non contaba con isto e estou encantado da vida; paréceme fantástico porque a canción popular galega dá un xogo tremendo. Hai algo máis poético, no sentido estrito do termo, que “Ai, Pepiño, adiós”?

 

É posible que suceda aquí, salvando as distancias, o de Dylan co Nobel?
Véxoo moi difícil. Quen é o Bob Dylan galego? Xa sei que hai un movemento a prol de Andrés do Barro, pero é que literariamente non aporta nada; musicalmente si, e como difusión do galego, por supostísimo que si, pero a letra da súa mellor canción, que para min é “Teño saudade”, nin sequera é súa, que é de Alcalá. 

Vicente Araguas: “Da mocidade boto de menos pouca cousa; se cadra o descaro, pero na lírica tamén o hai”

Te puede interesar