X. Touriñán: “Imos moito a Ferrol e o disfrutamos tamén no postraballo”

X. Touriñán: “Imos moito a Ferrol e o disfrutamos tamén no postraballo”
X. Touriñán, Tamar Novas e Chechu Salgado durante a rodaxe | JAIME OLMEDO

Este venres estréase “Clanes” en Netflix, da produtora Vacafilms, que xira entorno ao narcotráfico. Trátase dunha serie que, en parte, foi rodada en Ferrol e ademais dos protagonistas que encarnan Clara Lago e Tamar Novas, ocupan o elenco numerosos actores galegos coma X. Touriñán.

 

Cal é o seu papel en Clanes?
Fago de Nilo, que é un dos membros do clan dos Padín, non da familia pero si amigo de toda a vida. Digamos que son como a man dereita de Daniel Padín, que o representa Tamar Novas, e irmán do personaxe de Chechu Salgado e Lucía Veiga, que formamos parte dunha familia que se dedica a este traballo de sempre.

 

Como preparaches o personaxe?
Non o sei moi ben porque levamos xa unha temporada facendo cousas que teñen que ver con este mundo, tanto en audiovisual como en teatro. A documentación tamén a podemos ler case a diario nos xornais e o que intentamos todos é facer persoas, que lles toca ou que deciden, máis ben, vivir nese mundo delictivo. Son herdeiros dos traballos da xeración dos seus pais. Entón eu intentei facer un tipo o máis normal posible, dentro do que eu entendía dos guións. Non intentamos facer de malos ou escuros todo o tempo, senón de xente que se podería ter dedicado a outra cousa tranquilamente e cos que nos cruzamos a diario.

 

Non houbo nada especialmente complicado?
Tivemos os nosos días de ensaio en mar con planeadoras. No meu caso tamén no monte con 4x4 e coches, que quizáis fose do máis divertido que me tocou facer. Así que si que me preparei con ese tipo de cousas porque na miña trama había traballo de conducir lanchas ou en todoterreos.

 

Como foi a rodaxe en Ferrol?
No meu caso foron secuencias moi concretas. Rodamos no antigo hospital, nun que está medio abandonado na estrada que vai a Cedeira, e nun clube militar que facía de comisaría. No meu caso non tiven contacto directo coa rúa, aínda que se vexa Ferrol, pero que che vou dicir. Rodar en Galicia, preto da casa, para os que somos actores de aquí, creo que non hai luxo maior. E aínda por riba Ferrol e toda a comarca de Ferrolterra é un lugar onde imos asiduamente para facer teatro e para todo, da que disfrutamos moito aparte de no traballo, no postraballo. Porque se come moi ben e é unha zona moi bonita para pasear e esas cousas.

 

Algún sitio chamou a súa atención en particular?
Ese clube de lecer con pistas e con piscinas, que nin oíra falar del. E pasoume o típico cando non tes nin idea do lugar, que entras e flipas de como poden ter esto tan guapo sen que sexa para todo o mundo. Está moi ben o clube e os militares teñen moitas cousas bonitas e, sobre todo en Ferrol, pechadas, que non pode ver o resto. Estaría ben que todo se abrise para disfrute da xente, sobre todo cando ves dende fóra. Militarmente foi moito máis importante ter todo eso cerrado noutras épocas, pero agora, aínda que solo fose para pasear, creo que hai un montón de lugares.

 

Como animarías a ver a estrea?
É un tema que nos toca de preto, que non é a primeira vez que se fala disto pero este é un enfoque completamente distinto ao visto ata agora. É unha serie actual e moi entretida, no sentido de que ten moita acción, vai súper rápido e ten moito “shock”.  Non sabes se vai pesar máis o honor que o amor. Ingredientes tenos todos e so hai que ver as caras dos que participan, que son uns pedazo de actores e de actrices. E todo o equipo, Vacafilms sempre é sinónimo de éxito. Creo que se lles vai facer curta, eu apostaría a ver se alguén é capaz de ver menos de tres capítulos seguidos sen levantarse porque é unha serie das que te quedarías a vela enteira de seguido. Así que animo a que collan un bo sofá e unha tele, que fagan “palomitas” e disfruten.

X. Touriñán: “Imos moito a Ferrol e o disfrutamos tamén no postraballo”

Te puede interesar