Xaquín Marín | “Fun un privilexiado por vivir facendo o que me gustaba”

Xaquín Marín |  “Fun un privilexiado por vivir facendo o que me gustaba”
Xaquín Marín, no centro, xunto ao seu fillo e os amigos que o acompañaron na presentación I JORGE MEIS

Desde hai anos vive en Extremadura pero de cando en vez vese obrigado –e agradecido– a preparar as maletas para volver á súa terra co gallo dalgunha nova homenaxe, premio ou actividade arredor da súa valorada figura. “Como non vou ir despois da cantidade de cousas que me están a facer”, di o debuxante fenés. O venres, Xaquín Marín asistía no Museo do Humor que el mesmo fundou en 1984 á presentación do monográfico dedicado á súa vida e obra. Unha publicación moi especial por estar ademais coordinada polo seu fillo, Alexandre Marín, autor tamén dos textos. “É unha satisfacción ver que alguén moi preto de min está enterado da miña obra. É un orgullo que estea recollendo o meu traballo, ademais de dedicarse nos últimos tempos a ordenar todo o que eu teño, porque eu son un desastre”, conta co seu habitual ton humorístico. Ardua tarefa a do seu fillo tendo en conta, engade, “que teño papeis a moreas por toda a casa, pois sempre tiven o vicio de gardar todo”. 

 

Marín amósase inmensamente agradecido e, doutra banda, mesmo incrédulo, diante do gran recoñecemento do que é obxecto a súa obra. “Eu o que fixen foi vivir e fun un privilexiado por vivir facendo o que me gustaba. E ademais sempre fun un pouco protexido polos demais, polo tanto non me creo moitas das cousas que me din”, confesa.


No acto do venres estivo acompañado, ademais de polo seu fillo, por outros catro amigos que, dalgún xeito, foron relevantes na súa traxectoria profesional e vital: Emilio Romero, compañeiro de Astano; Siro López, coautor do Manifesto en Defensa do Humor Galego do que xurdiu o Museo, ademais de compañeiro de profesión; Leandro Lamas, que foi seu alumno e pintor; e Daniel Romero, xestor cultural do Concello de Fene e persoa fundamental na posta en marcha do museo.


A piques de cumprir os 80 anos, Xaquín Marín “é, sen dúbida, o humorista gráfico galego en activo de maior constancia das últimas décadas”, salientan desde o Concello fenés. No monográfico, Alexandre Marín –que en 2022 comisariou a exposición retrospectiva “Volta á orixe” tamén sobre a creación do seu pai– defíneo como o “cronista gráfico non oficial da Galicia popular dos últimos cincuenta anos”, un artista que sobresae pola súa obra “con base no compromiso social e nos valores humanistas, que pode lerse como manual da nosa Historia máis recente, como unha viaxe retrospectiva pola nosa propia memoria colectiva como (im)país”.


Publicación

O libro, editado polo Museo do Humor coa colaboración da Consellería de Cultura, estrutúrase en sete apartados nos que se achega ás distintas facetas dun artista que comezou pintando e que tamén destacaría noutras disciplinas como a banda deseñada, o deseño, o cartelismo, o muralismo ou a ilustración.


Un creador ao que lle gusta moito regresar a Fene, a súa terra, porque “aquí teño todos os meus libros, os meus amigos, a miña paisaxe, ver os sitios onde sempre estiveches, e ver tamén a chuvia”, comenta, esa chuvia que, en Extremadura, é algo absolutamente excepcional. 

Xaquín Marín | “Fun un privilexiado por vivir facendo o que me gustaba”

Te puede interesar