“Cartas a Michi, dende o confinamento... e despois” é o libro que presentará esta tarde de martes, ás 20.00 horas no salón de actos da Alianza Aresana, o seu autor, Xoán Rubia Alejos. Esta é a última obra do escritor, máis coñecido pola súa faceta musical, na que realiza unha radiografía social sobre as emocións vividas na pandemia.
Xoán Rubia aborda o texto cun formato epistolar no que se dirixe á súa gata, representando unha especie de alter ego que escoita e comprende, aínda que en ocasións tamén pon en dúbida o sonado raciocinio dos seres humanos. No acto de presentación na biblioteca municipal da Alianza Aresana, que promove a Concellaría de Cultura, o autor estará acompañado da filóloga e profesora de literatura Ánxeles Seoane, así como da tamén docente, escritora e poeta Anna Agustí Farré.
O autor mugardés recolle neste título unha análise crítica e irónica da etapa protagonizada polo covid-19, na que as cartas dirixidas ao animal convértense nun documento íntimo que rexistra as preocupacións, as medidas restritivas, a dor ou as picarescas, entre outras situacións. A pesar de que a editorial, Peripecias Libros, ten a súa sede en Jerez de la Frontera, este título está dispoñible nas súas correspondentes versións en galego e tamén en castelán, neste último caso como “Cartas a Michi, desde el confinamiento... y después”.