Xoán Rubia: “Tomei a música como un compromiso, como unha achega que podía ofrecer á cultura galega”

Xoán Rubia:  “Tomei a música como un compromiso, como unha achega que podía ofrecer á cultura galega”
Xoán Rubia, nun momento do acto de presentación do seu libro celebrado recentemente en Afundación | jorge meis

Con nove anos cantoulle “á cara” o “Soy minero” ao mesmísimo Antonio Molina nunha visita deste ao Jofre. “A min gustábame cantar. A miña nai cantaba e eu intentaba seguila”, conta. Foi na súa vila natal onde Xoán Rubia (Mugardos, 1947) comezou a se formar musicalmente. No 68 recalou en Santiago, para facer o preuniversitario no colexio Minerva, onde estaba en réxime de internado. Ao ano seguinte, xa na universidade, contactou coa nova canción galega, representada daquela polo colectivo Voces Ceibes.


A partir de aí, “todo foi un cúmulo de casualidades”, di. Edigsa proponlle, ese mesmo ano, gravar o seu primeiro disco, en Barcelona. Logo chegarían os traballos con Philips e, máis tarde, con Zafiro-Novola.


Coa canción “Catro vellos mariñeiros” acada, nos primeiros anos da década dos 70, a súa maior popularidade pero el sempre tivo claro cal era o seu obxectivo: “Nunca me prantexei vivir da música. Tomeino como un compromiso, unha achega que eu podía ofrecer para a cultura galega, para defender un ben patrimonial como é o idioma; colaborar no rexurdimento facendo música con poemas dos poetas sobranceiros de Galicia”.


Lembranzas

Rubia vén de facer un esixente traballo de memoria para contar a súa traxectoria musical no libro “Pasaba por alí. E quedei un intre”, un encargo da editorial Galaxia que para el supón un auténtico agasallo. “Sen pretendelo, sen ter eu ningún proxecto de escribir nada, xurdiu esta oportunidade e pensei que tiña que aproveitala”, apunta.


Ao principio “meteume un pouco de medo, porque é difícil falar de si mesmo” pero xa co libro nas súas mans, “sentín a mesma ilusión que cando chegara co meu primeiro disco no 69”, confesa. “O do libro xurdiu porque encargáronme un artigo para a revista Grial, para que falara do Santiago do 68, cando cheguei e contactei con aquel mundo, que era novo para min. Fixen alusión ao que alí estaba xa xurdindo, o da nova canción galega e demais. Pasadas as dúas semanas da aparición da revista chamáronme de Galaxia para dicir que lles gustara o artigo e facerme unha suxestión: que escribira un libro no que contara o meu percorrido desde que entrara por primeira vez en contacto coa música ata hoxe. Para min foi satisfactorio que me fixeran este encargo. Estas cousas nunca chegan tarde”, manifesta.


O mugardés só fala no seu libro das súas vivencias persoais e da xente coa que tivo algún contacto, “das impresións que eu saquei daquela aventura”, di. “Vivimos aquel momento como unha auténtica aventura romántica, absolutamente romántica, porque o pensar ou asumir que íamos intentar cambiar o mundo a golpe de guitarra e de cancións, era algo que realmente só a algúns románticos se lles podía ocurrir. Os que loitaban realmente contra as dificultades daquel tempo, aqueles si que se xogaban moito, a xente traballadora, os obreiros... Hai que ter en conta que o movemento da nova canción galega foi un movemento estritamente universitario; isto foi un pouco como o maio francés no 68. É certo tamén que non inventamos nada, que estabamos a mirarnos un pouco no espello da nova canción catalana e esta tamén se mirou na nova canción francesa. Foi moi ilusionante porque naqueles intres poder dicir ou intentar dicir algo e dicilo en galego era tremendo porque normalmente a censura xa poñía o seu ollo escrutador sobre o que estabas a facer. Foi ilusionante e moi romántico todo aquilo tamén”, lembra.


De todo isto e tamén de moitas outras anécdotas incorporadas na súa viaxe musical dá conta o cantante mugardés, sanitario de profesión, nun libro presente xa desde hai unhas semanas nas librarías.

Xoán Rubia: “Tomei a música como un compromiso, como unha achega que podía ofrecer á cultura galega”

Te puede interesar