O coordinador científico da Rede de Estacións Biolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Luís Otero, sinalou esta mañá durante a súa participación nas Conversas no Parador que organiza o Club de Prensa de Ferrol que o dragado da ría “pode ser unha das solucións” ao problema que sofre e que se manifesta, desde hai xa varios anos, nunha caída moi acusada –por riba mesmo do 80%– na produción da súa especie de referencia, a ameixa babosa.
“Dentro desa idea de recuperar o ecosistema”, explicou, “é unha das opcións interesantes que se poderían formular”, xa que, aínda que se trata dun “proceso caro e delicado”, advertiu de que a ría de Ferrol “está mal porque ten uns sedimentos tremendamente enriquecidos en materia orgánica (un 12% en moitos puntos) e moitos metais, en zonas concretas, como a desembocadura do Xuvia e o porto. Creo que sería algo a estudar ou valorar”, subliñou. Con todo, o catedrático do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC precisou que “se cadra un dragado integral sería pouco viable, pero si parcialmente para ver como responde o sistema e se merece a pena avanzar”. Otero tomou como referencia a ría do Burgo, na que se está a executar un dragado, e identificou algunha similitude. “O proceso pode atoparse con moitas reticencias dalgúns sectores e, ademais, podería encarecerse ao ter moitos contaminantes acumulados, o que impediría botar o sedimento fóra da ría, porque hai que levalo a terra e tratalo debidamente, e iso con volumes enormes é moi custoso”, salientou.
A intervención de Otero deu moito de si e comezou destacando as características das rías como “ecosistemas” dunha gran complexidade e “altamente produtivos” que dependen “do delicado equilibrio das súas variables ambientais”. Ese equilibrio, expuxo o catedrático, está a mudar co cambio climático e todo o que conleva. “Os océanos están acidificándose e iso afecta ao metabolismo das especies mariñas que precisan sintetizar carbonato para facer as cunchas”, sinalou, como o caso dos bivalvos.
O incremento da temperatura da auga e a suba do nivel do mar –en Galicia, vinte centímetros no último medio século– son factores que agravan a situación. “Estamos, como se di agora, no medio dunha tormenta perfecta”, ilustrou, “na que os cambios globais se suman aos locais”. Así, apuntou, no caso ferrolán, ás infraestruturas portuarias. “Non vou cuestionar a súa necesidade, pero si que non se avalíe cun pouco máis de detalle a súa dimensión e o seu deseño” para evitar, engadiu, que supoñan “barreiras infranqueables que alteran todo o sistema de movemento da auga, esencial para unha ría”.
Nesa liña, incidiu en que, ao tratarse dun problema “multifactorial”, a parte do problema que aínda é reversible debe abordarse colectivamente. “Ten que formarse un equipo que discuta e aborde a situación desde diferentes perspectivas. Galicia ten o persoal e os recursos para facelo, pero entendo que non se están aproveitando axeitadamente”, finalizou.