Xurxo Varela, violista da gamba ferrolán: “É repertorio ibérico, non español nin portugués, porque realmente era un todo”

O músico ferrolán actuará en Compostela coa coprodución luso-galega “Frágua de amor”, dirixida por António Augusto Barros na dramaturxia e por Hugo Sanches na música, interpretada por O Bando de Surunyo, que está especializado nos séculos XVI e XVII
Xurxo Varela, violista da gamba ferrolán: “É repertorio ibérico, non español nin portugués, porque realmente era un todo”
O ferrolán reside actualmente en Porto, onde se representará a peza despois desta actuación | JORGE MEIS

Os universos da música e a dramaturxia únense especialmente, ambas en vivo, en “Frágua de amor”, un clásico da literatura portuguesa que, aínda escrito en 1524, cuestiona temas como a igrexa ou a corrupción da xustiza. O Bando de Surunyo, co ferrolán Xurxo Varela á viola da gamba, ocúpase das melodías desta produción, que se exhibirá este venres no Salón Teatro compostelán.


“Todo parte da admiración que sempre tivo Hugo Sanches polo Gil Vicente”, explicou Xurxo Varela sobre a orixe desta oportunidade, que xorde da colaboración entre seis entidades culturais lusas e o Centro Dramático Galego. Entre as implicadas está O Bando do Surunyo, fundado polo propio Sanches co obxectivo de afondar na música ibérica do século XVI. Un dos referentes desta época é o autor da obra, Gil Vicente, que amais da dramaturxia estaba moi vinculado coa música.


“O director insiste na cuestión de que é repertorio ibérico, non español nin portugués, porque realmente era un todo”, relata o violista acerca da agrupación, que está especializada nas composicións dos séculos XVI e XVII. De feito, continúa co exemplo de que nas catedrais de ambas nacións atópanse obras indistintamente dun sitio ou outro.


Xurxo Varela é membro deste grupo dende hai arredor de 15 anos, pouco despois da súa fundación, polo que o equipo musical xa era coñecido, tamén pola súa relación compartida coa Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo –Esmae–. Así mesmo, destacou o traballo cos actores, entre os que se atopa outra galega, Mónica Camaño, de Cangas do Morrazo, pola compenetración destas dúas artes que se unen en “Frágua de amor”.

 

“É moi bonita a linguaxe utilizada porque ten máis de galego que o portugués actual”, valorou o músico sobre a peza, que se mantén coa lingua antiga. Ademais,  caracteriza o resultado como unha obra “moi divertida”.

 

Papel do músico

Varela toca a viola da gamba e canta no papel de Saturno, polo que tamén ten unha pequena parte interpretativa, un posto secundario con respecto ao peso que ten na parte musical, xa que ao ferrolán lle toca “fiar as diferentes pasaxes” a través do son.


Antes desta, a última experiencia que tivera o violista como actor foi precisamente na súa terra, baixo a dirección de Helga Méndez, coa que “aprendín moito máis de teatro”, indicou Varela en relación a outras incursións pasadas. Neste proxecto, a profesional trasmitiu ao grupo técnicas e coñecementos relevantes nos que “nunca tiña reparado”.


Ás cordas da viola da gamba, un dos aspectos centrais para Xurxo Varela é a memorización da maior parte das partituras posible. Este método combínase coa improvisación, que supón un dos retos á hora de coordinarse co texto, ademais de constituír unha compoñente moi importante e característica da música renacentista que interpreta. 

Xurxo Varela, violista da gamba ferrolán: “É repertorio ibérico, non español nin portugués, porque realmente era un todo”

Te puede interesar