Este domingo, o Duplex Cinema proxectará o documental “Filmei paxaros voando”, ás 17.30 horas, coa presenza da súa directora Zeltia Outeiriño González. Amais de dar a coñecer a película, que esta semana foi nomeada aos Mestre Mateo, o encontro servirá como un espazo aberto á reflexión e á conversa sobre temas centrais como son a importancia dos coidados, o edadismo, o machismo e tamén a homofobia.
A profesional realizara antes curtametraxes vinculadas a temas sociais, a defensa dos dereitos humanos ou proxectos audiovisuais colaborativos, moitos deles a través do colectivo Las Mirillas, do que é cofundadora. Non obstante, esta produción de Ringo Media e Sétima constitúe a súa primeira longametraxe documental cinematofráfica, co que tamén se estrea “dentro do circuíto da industria”, indica.
Do mesmo xeito, nunca antes creara unha obra tan íntima, co protagonismo da propia biografía familiar de Zeltia Outeiriño González. “Comecei querendo saber máis sobre a figura do meu tío Antonio Outeiriño”, relata a cineasta, “que foi un artesán textil galeguista que viviu nos anos 80”. Para a creadora, esta figura “representaba moito a liberdade, o entusiasmo creativo, a irreverencia...”, amais de identificarse coa súa ideoloxía e valores.
Sobre este familiar, a directora, que marchou a vivir a Barcelona para estudar cine, preguntábase “como fixeches para vivir unha vida tan ceibe, tan plena, tan creativa... sen alonxarte de Galicia e sen afastarte da familia?”. Cando cumpriu 40, comezou “Filmei paxaros voando”, en plena crise vital, “20 anos despois do meu proceso migratorio”.
Ao tratarse dunha película de non ficción, é determinante a decisión da autora cando muda a realidade en cuestión. En relación con isto, Outeiriño parafraseou a Chris Marker, que tamén desenvolveu este xénero: “un nunca sabe o que está a filmar”.
“Buscando a Antonio, con quen me atopei foi coa miña nai”, explica a directora, que, pola contra, “rexeitaba gran parte dos valores que ela me inculcara”. Nas visitas á terra galega, e a raíz do empeoramento da súa saúde, Zeltia Outeiriño comeza a compartir máis tempo con ela até que “de repente, a película non iba de meu tío, iba de miña nai, eu, a nosa relación, os coidados, aprender a recoñecer e a mirar a unha nai non só como nai”.
A partir deste cambio de foco, “descubro que miña nai tamén é creadora e música, xa o sabía, pero non admiraba esa faceta dela”. Así mesmo, a historia propicia que se traten outros temas como a atención sociosanitaria das persoas de idade avanzada, tanto dende as institucións como dende a individualidade, ou “o acceso á saúde, que prexudica aínda máis ás mulleres maiores”.
O título referencia, metaforicamente, aos personaxes do documental, no que “hai toda unha reflexión sobre a pertenza, o vínculo e a liberdade”, sinala a directora. Ademais, os paxaros forman parte da historia da familia por varias razóns, como a cría que realiza seu pai, Pepe Outeiriño, “nunha gaiola moi grande que ten no xardín”; a rede que protexía da intrusión de pombas e gaivotas o balcón en Vigo da súa nai, Socorro González, ou o método tradicional de tecido que usou seu tío, Antonio Outeiriño, para o que empregaba fío de liño e plumas de galiña.