O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, participaron este xoves na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) na presentación da iniciativa ‘Galicia, refuxio climático’, coa que se busca difundir e promocionar este territorio como “un tesouro” de biodiversidade, paisaxes e natureza, onde “segue habendo estacións” e que coida a sustentabilidade para recibir visitantes en calquera época do ano.
A conselleira defendeu estes valores, agrupados baixo a nova marca de ‘Refuxio Climático’, e convidou a todos os presentes a visitar a comunidade aproveitando calquera mes do ano, dado que aquí, dixo, “segue habendo estacións”.
Con iso, puxo de relevancia os distintos valores de Galicia segundo a época: a “fantástica primavera”, o outono “cuns ocres envexables” e o inverno, onde o visitante “pode gozar da montaña e a neve”, para concluír no verán galego, “festa tras festa, alegría e bo comer”, resumiu.
Vázquez sinala que a rexión xa superou os obxectivos de reducción de emisións marcados por Europa para 2030
“Galicia é única, é máxica”, dixo Vázquez, argumentando que hai que visitala “non unha vez na vida, se non unha, dúas, tres ou catro veces ao ano”, apuntou.
Con ‘Galicia, Refuxio Climático’, a comunidade busca promocionarse como un “lugar sostible e saudable”, lembrou a conselleira, que “aposta polas súas especies autóctonas, recicla e mantén limpos os seus ríos e a súa costa”. “Así é nosa Galicia, unha Galicia verde e azul”, apostilou.
Por iso, Vázquez convidou aos visitantes para gozar das áreas naturais de Galicia, contemplar as estrelas “a través dos ceos despexados” e descubrir a súa biodiversidade, pero sempre desde un turismo responsable que coide “este tesouro”.
Na súa intervención, Vázquez referiuse a “o intenso labor” que leva desenvolvendo a Xunta nos últimos anos no marco da súa estratexia fronte ao cambio climático e grazas á cal a Galicia xa superou os obxectivos de redución de emisións marcados por Europa para o ano 2030.
Neste traballo enmárcase, precisamente, a nova marca ‘Galicia, Refuxio Cimático’, que “nace con vocación de futuro” e para consolidar esa imaxe dun territorio “verde e azul”, “máxico” e cunha meteoroloxía “benigna e amable” da que gozar todo o ano.
A modo de exemplo, a conselleira lembrou que, nos últimos anos, a temperatura media anual incrementouse a un ritmo notablemente inferior ao do resto do país, cunha subida de 0,2 graos anuais fronte aos 0,25 graos rexistrados a nivel nacional.
“Estamos orgullosos de que fóra das nosas fronteiras cada vez coñézase máis a Galicia por ser como somos os galegos pero tamén por como nos abraza a natureza”, concluíu a conselleira, que estivo acompañada polas delegadas territoriais da Xunta na Coruña, Belén do Campo; en Ferrol, Martina Aneiros; en Lugo, Javier Arias; en Ourense, Manuel Pardo; en Pontevedra, Agustín Reguera, e en Vigo, Ana Ortiz.
Por último e como complemento á presentación da marca, os asistentes puideron achegarse ata o expositor de Galicia, onde a paisaxista Cristina García deseñou unha reprodución a pequena escala dun bosque galego con algunhas das principais especies vexetais existentes nas catro provincias.
O espazo ofrece a todo aquel que o atravese a oportunidade de mergullarse, a través dunha experiencia multisensorial, nun bosque coas cores, sons e mesmo cheiros dun ecosistema moi representativo da comunidade.
Por outra banda, o expositor albergou onte a presentación da Paisaxe Protexida ‘Penedos de Pasarela e Traba’, un espazo de gran valor natural localizado entre Laxe e Vimianzo, no corazón da Costa da Morte, e o primeiro deste tipo en contar cun plan de xestión propio, aprobado en outubro de 2024.
Durante a súa intervención, a conselleira considerou que os Penedos son un bo exemplo do tipo de turismo “verde, sostible e respectuoso” polo que aposta Galicia, citando entre os seus principais atractivos a singularidade e o valor da súa xeomorfoloxía, a riqueza da biodiversidade e unha situación xeográfica privilexiada que o converte nun “balcón natural ao Atlántico”.
Ademais, quixo destacar o seu “carácter máxico”, moi representativo dunha Galicia coñecida fóra por ser fonte de inspiración de contos, historias e lendas.