A onda do virus da gripe mantense “estable nun nivel baixo” en Galicia, segundo indicou este martes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita ás obras do centro de saúde das Neves.
O conselleiro, explicou a Xunta nun comunicado, sinalou que a situación epidemiolóxica débese “a múltiples factores”, entre eles, a planificación dos recursos, a participación da cidadanía nas campañas de vacinación e a implicación dos profesionais.
Con todo, fixo un chamamento á prudencia e avogou por manter a intensidade na vixilancia epidemiolóxica. Así, defendeu a adopción das medidas de protección persoais necesarias como o uso de máscaras nos casos en que se recomenda e a vacinación, que aínda se mantén aberta ata este venres.
Pola súa banda, o Consello de Ministros autorizou a compra de 25 millóns de doses de vacina fronte á gripe estacional por valor de 277,8 millóns de euros.
Segundo informou o Ministerio de Sanidade, trátase de vacinas para doce comunidades: Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Estremadura, Comunidad de Madrid, Murcia, Navarra e A Rioxa ademais das cidades autónomas de Ceuta e Melilla e determinados órganos da Administración Xeral do Estado.
A autorización da compra formalizouse nun acordo marco para a selección dos subministradores de vacinas fronte á gripe estacional. Acordos similares xa se asinaron en anos anteriores con “bos resultados”, segundo o Ministerio.
O prazo de duración será de dous anos a partir da formalización do mesmo e poderá ser obxecto de prórrogas de ata dous anos, non superando nunca o prazo máximo de catro.