Os premios Youtubeiras+ múdanse ao Pazo da Cultura de Narón

Unha vintena de creadores dixitais concorrerán nunha gala gratuíta e aberta na que actuará a banda De Ninghures
Os premios Youtubeiras+ múdanse ao Pazo da Cultura de Narón
Os finalistas anunciáronse onte no acto de presentación | CEDIDA

O Pazo da Cultura acollerá o sábado 1 de febreiro, ás 19.00 horas, a entrega dos premios Youtubeiras+ ás canles e persoas finalistas que se anunciaron onte na casa consistorial. Trátase dun proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que se atopan Ferrol e Narón, polas tres universidades e a Deputación, que ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con diversos formatos e temáticas, así como visibilizar aos seus creadores.


Esta é a oitava ocasión que se convoca o certame, na que os aspirantes se dividen en sete categorías, “unha edición de transformación ao ampliar o seu campo de acción”, indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, en referencia á incorporación da sección de contidos para TikTok. Do mesmo xeito, sinalou o carácter dinámico destes premios, que “foron adaptándose ás transformacións que se deron na comunidade de creación de contidos na nosa lingua na rede”.


O acto de entrega dos galardóns, aos que optan unha vintena de proxectos, estará conducido por Javi Sánchez, artista coñecido polo nome de Meiga-i, quen desvelou na sesión algún dos detalles do encontro, como a actuación de De Ninghures ou o lema identificativo deste ano:  “Fachenda ao cadrado”.
“Esta é unha gala de mudanzas: mudamos de casa, imos a unha máis grande e acolledora. Porque somos máis”, indicou o presentador, lembrando o escenario ambientado nun salón que se empregou na pasada edición. Tal como explicou, nesta ocasión tampouco se abandona esa idea de fogar, no que se convertirá o Pazo da Cultura de Narón.


Aínda que o evento se ofrece de balde para o público xeral, as persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa entrada no propio Pazo, chamando ao 981 102 897, de luns a sábado, de 9.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.30, así como a través do correo electrónico  taquilla.pazo@naron.gal. Os premios Youtubeiras+ repartirán nesta edición 7.500 euros, distribuídos entre as distintas categorías. As canles de Youtube e TikTok dispoñen de 1.250 euros cada unha, mentres que o resto se limitan a 1.000.

 

Protagonistas

En canto ao xurado, este estará integrado pola xornalista Andrea Villa; o profesor e escritor Carlos Callón; a técnica de Normalización Lingüística de Ourense Mónica Valencia; a guionista Sara Varela e o realizador e gañador en 2023 Iago Gordillo.


As canles de Youtube finalistas son Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Poscast; e de TikTok son Sara Seco Rial, pradorua e Konachadas. Na creación de contidos, Rodri Míguez, Prado Rua e Anxo Sánchez; e na revelación, Arquivo Anab, Carlota Casal Ramos e Galiactiva.


Pola calidade lingüística, os elixidos son A Debate no Eirado, Galego para Peques, Luís do Río; e na sección rede, OU ké!, Pablo Rodríguez Vila e Rebelico. O premio do público pode ir para “A revolución galega de 1846”, de Orgullo Galego; “Non máis bágoas”, de Xurxo Varela, e “Queimas controladas”, de Savia Nova. 

Os premios Youtubeiras+ múdanse ao Pazo da Cultura de Narón

Te puede interesar